Skip to main content

Por Raúl Río

Traídas pola Casa de Galicia de Santurtzi, as Tanxugueiras estiveron en Euskadi en xuño do 2019 e tamén recorreron outros pobos do Estado, sendo ben recibidas en todos eles. Quezas por iso din na canción “Terra”, que non hai fronteiras, pero en Benidor topáronse coa realidade de que iso non é posible neste reino borbónico, no que a corrupción campa as súas anchas en todas as institucións públicas, e na RTVE non ía ser menos.

Sen entrar en quen debera gañar ou perder, quedou claro que influíron as fronteiras lingüísticas, ideolóxicas e económicas do Estado supremacista polo complexo que sente ante as nacións periféricas, ás que lles privan de que chegue unha canción no seu idioma ao Festival de Eurovisión. Prefiren perder a permitir que vaian alí cantando en galego, éuscaro ou catalá, como xa fixo Franco cando censurou a Serrat (que o ía facer en catalá) e puxo a Massiel para que o fixera no idioma do imperio.

Mentres nós entendemos, falamos e respectamos a súa lingua, os supremacistas pensan que si o saber non ocupa lugar, o non saber aínda debe ocupar menos, así que para non encher o seu pequeno disco duro presumen de non saber mais que un idioma e aínda nos chaman atrasados ós que tamén sabemos outro que non é o deles, como fixo unha señora a María da Fonte e a miña veciña contestoulle; “Ai señora, a atrasada será vostede, porque eu enténdolle todo”.

Esta vez TVE, elixiu un xurado que tamén era parte, pois miraba mais polos negocios que tiña no tema que na calidade musical e por iso saíu gañadora a canción “SloMo”, quizás a peor e sen dúbida a mais machista de todas elas, pero que contaba coa axuda do compositor Tony Sánchez-Ohlsson, un dos encargados do Festival e un clásico dos certames ligados a Eurovisión, que cobrará tamén os dereitos de autor por esa canción que lle pasou a Chanel. Deulle 51 votos o xurado no que estaba Miriam Bendited, amiga da cantante, que so foi apoiada por un 3,97% do voto do público e un 13,88% polo voto demoscópico. Sen embargo a das Tanxugueiras, recibiu 30 votos dese cuestionado xurado (os mesmos que lle deron o último clasificado, que nin sequera actuou), mentres que foi a mais votada polo público con un 70,75% e con un 14,59% do voto demoscópico, pero agora di o “Diario de Sevilla” que o desvirtuado non é o xurado que fixo o chanchullo pola súa amizade coa cantante gañadora, senón o voto do publico, porque seica votaron a favor das galegas todas e todos os independentistas do Estado, do que se deduce que debe haber moitos mais arredistas que unionistas nesta pel de touro, así que ese diario dinos que foi censurada ideoloxicamente, porque “… tras Terra latían as intencións de propaganda dos distintos separatismos en España, non so do galego”.

O problema está nas  fronteiras que pon este Estado centralista ás nacións que non o temos, pois, aínda que partían como favoritas, sabíamos que non ía ser posible, por moito que pensaran as nosas cantareiras que España estaba preparada para ser representada con unha canción en galego. Esas infranqueables fronteiras tamén se notaron durante o desenrolo do festival polo comportamento dos presentadores. Xa facía desconfiar ver a actitude do defraudador de facenda e ex-ministro de Cultura de Pedro Sánchez, Màxim Huerta, cando non puido tolerar que o público coreara o nome de Tanxugueiras e quixo acalalo dicindo que iso sobra, o que teñen que facer os seguidores dos artistas é mercar os seus discos e acudir aos seus concertos.

Tampouco foi menos o da súa compañeira Alaska, que chegou a insinuar que o galego é un idioma inventado, polo que alguén debía sacar da ignorancia a esa señora e informala de que o noso idioma foi inventado polos nosos antepasados moito antes de que eles inventaran o español; que estivo na corte de Castela antes que o castelán fora lingua literaria. Dicía Uxío Novoneyra que mentres o castelán solo servía para escribir temas épicos, o amor e as cousas bonitas había que escribilas en galego porque era o idioma culto; habería que dicirlle que o único Rei Sabio que tiveron os españois escribía en galego. Pero eles son prepotentes cos débiles e submisos ante os poderosos e, violando as propias bases do concurso, preferiron unha canción en spaninglis e non en galego.

Elas perderon, pero obtiveron o  recoñecemento  moral  de  ser as gañadoras e as favoritas do público en todo o Estado e están orgullosas de habelo feito ben, non así ese xurado que representaba ó Estado e tan afastado do pobo como TVE, institución pública que puxo os medios para que se lucren empresas privadas. Souberon perder a pesar das escuras circunstancias que se deron e a súa dignidade e calidade humana quedan mais que demostradas ao pedir en Antena 3 que non se lle boicotee nas redes a Chanel.

Sabíamos que todo estaba amañado e incluso María Eizaguirre, Directora de comunicación de TVE, tivo que recoñecer “deficiencias” no desenrolo do festival. Por iso estamos orgullosos e orgullosas delas, sabemos que foron as mellores e seguimos pensando que xa estaban derrotadas antes de empezar, polas artimañas urdidas por amizades e por intereses políticos que nada teñen que ver coa calidade musical, que era do que se trataba de valorar.