Skip to main content

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou as bases da convocatoria dos premios para deportistas individuais, cun orzamento de máis de 86.000 euros.

Son un total de 185 bolsas cos que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo promove a participación continuada e progresiva dos deportistas lucenses de base nas distintas disciplinas, recoñecendo os seus logros e favorecendo o progreso na súa formación integración integral.

As contías variarán entre os 300 e os 2500 euros en función dos resultados deportivos acadados en probas e campionatos en cada nivel de competición, desde os campionatos provinciais ata as olimpíadas, ao longo de 2021.

O deputado de Deportes Efrén Castro sinalou que “coas axudas tratamos de contribuír a financiar os custos que lles supón a estes deportistas acudir ás probas e tamén incentivar e recompensar o seu esforzo por mellorar a nivel deportivo, especialmente nas etapas de iniciación, que son o principal obxectivo desta liña de apoio ao deporte” e explicou que “como vimos facendo habitualmente, para impulsar a igualdade no deporte, as bases recollen incentivos para a participación feminina”

Para poder optar aos premios será requisito indispensable ter residencia en calquera dos municipios da provincia de Lugo, e polo tanto, estar empadroado ou empadroada nalgún destes municipios dentro do prazo de presentación de solicitudes. Ademais, deben ter en posesión a ficha ou licenza federativa durante o ano 2021 e manter na data de presentación de solicitudes (ano 2022) a ficha ou licenza oficial na disciplina ou modalidade deportiva para a que se solicita o premio.

Resérvase expresamente unha porcentaxe mínima do 7% deses 185 premios para deportistas con capacidades diferentes, é dicir, un total de 13 premios que de non seren cubertos, pasarían automaticamente ao resto de deportistas solicitantes.