Skip to main content
Antas de Ulla

Wasabi Films firma un convenio de cooperación educativa coa Deputación de Lugo

Por 5 Marzo, 2022Sin comentarios

Wasabi Films e a Deputación de Lugo asinaron un convenio de cooperación educativa entre a institución provincial e esta produtora da Asociación Cultural Eira dos Moitos. A entidade solicitou a participación do alumnado dos ciclos superiores de realización de proxectos audiovisuais e espectáculos e produción de audiovisuais e espectáculos do Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais.

José Tomé explicou que se trata “dunha iniciativa que lle permite ao alumnado facer prácticas en escenarios reais e aplicar nun proxecto o aprendido nas aulas. Esta colaboración forma parte das numerosas iniciativas coas que se asocia o Centro de Formación provincial”. Oito alumnos colaboran coa entidade ulloá na rodaxe da curta No Nome do Amor, “e, a parte deste convenio, tamén podemos adiantar que nos vindeiros días, outros tres alumnos, participarán na organización dos Premios Mestre Mateo como axudantes en distintas funcións”.

A Deputación de Lugo mantén un apoio decidido ao audiovisual, unha aposta pola cultura e pola economía, cun sector que non deixa de medrar, pero ademais, subliñou o Presidente, “a presenza de paisaxes da provincia nas salas, nos festivais e nas plataformas audiovisuais constitúe unha vía moi interesante e fructífera para a promoción do territorio”.

O compromiso da institución co audiovisual quedou de manifesto en FITUR, onde presentou a campaña Lugo, Provincia de Cine, co dobre obxectivo de potenciar esta industria cultural na provincia como fonte de riqueza e de emprego, e tamén como factor para favorecer un modelo de turismo de calidade, sostible e que pon en valor o patrimonio material e inmaterial.