Skip to main content
Antas de Ulla

O Premio á calidade lingüística en lingua galega recaeu en Andrea Santiso Arias

Por 21 Marzo, 2022Marzo 22nd, 2022Sin comentarios

A moza de Antas de Ulla Andrea Santiso Arias, investigadora do ILG, recibiu o Premio á calidade lingüística en lingua galega na área de arte e humanidades polo traballo de fin de grao “Toponomástica, documentación histórica e estudo lingüístico: unha aproximación á toponimia maior do concello de Antas de Ulla”, dirixido pola investigadora do ILG Ana Isabel Boullón Agrelo.

Estes premios son organizados polo Servizo de Normalización Lingüística da USC. Este ten como misión estimular e dar soporte técnico ao proceso de extensión do uso da lingua galega no que está inmersa a Universidade de Santiago de Compostela.

A entrega de premios tivo lugar o xoves 17 coa finalidade de promover o uso da lingua galega ligada á calidade formal na elaboración e defensa dos traballos académicos do alumnado. A sesión estivo presidida polo reitor Antonio López e contou coa intervención de Gumersindo Feijoo Costa, vicerreitor de Planificación, Novas Tecnoloxías e Sustentabilidade; Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística; e Valentín García Gómez, secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Núñez Singala destacou ao ler a acta do xurado o gran volume de participación ao recibirse preto de 200 traballos.