Skip to main content
Lugo

Jorge Prieto Vilaboa e Lucía Souto Tizón galardoados co Premio Fin de Carreira

Por 2 Marzo, 2022Sin comentarios

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, salienta que os 85 estudantes universitarios que resultaron galardoados cos Premios Fin de Carreira da Xunta de Galicia representan “a excelencia das nosas universidades públicas” así como “o futuro de responsabilidade, entrega e colaboración no que temos que camiñar”.

Con motivo do acto de entrega dos recoñecementos aos que remataron de xeito brillante a titulación no curso académico 2019-20, o titular de Educación subliñou que a combinación “de talento, traballo e esforzo” de todos os galardoados “ten como resultado un perfil sobresaínte que nos enche a todos de orgullo”.

No encontro, no que tamén estiveron os reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, Román Rodríguez amosou o “compromiso firme” do Goberno galego por un sistema universitario galego “forte e no que se aposte pola innovación a internacionalización, a investigación e a colaboración co tecido produtivo”.

COLABORACIÓN E DIÁLOGO
Nesta liña loou o espírito de colaboración e diálogo amosado polas tres universidades e que se manifesta en acordos de envergadura como o Plan de Financiamento Universitario 2022-2026 no que se mobilizarán más de 3.000M€ neste lustro, a actualización e ampliación do Mapa de titulacións coa incorporación de disciplinas de futuro como a Biotecnoloxía, a Intelixencia Artificial ou a Filoloxía Aplicada, ou a aposta por un programa completo de apoio á carreira investigadora.

Na edición deste ano, para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no curso académico 2019/2020 nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), resultaron galardoados cos Premios Fin de Carreira un total de 85 egresados, 11 máis ca no curso anterior. Dos premiados 51 (o 60%) son mulleres e os 34 restantes son homes. Por universidades, a de Santiago de Compostela conta con 31 galardoados, a de Vigo con 39 e a da Coruña con 15.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade concede a cada un dos galardoados un premio de 3500€ e un diploma acreditativo, o que supón un recoñecemento institucional e un valor engadido para o seu currículo.

Para optar aos premios había que ter cursado de forma íntegra os estudos da titulación universitaria pola que optou ao premio nas universidades do SUG, e que tivera acadado unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos, para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7,5 puntos, para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

O número de galardóns vén determinado polo número de persoas egresadas na mesma titulación. Así, aquelas titulacións con ata 199 persoas egresadas optan a un premio, as que teñan entre 200 e 299 a dous e as que conten con 300 ou máis persoas optan a tres premios. As titulacións que teñan entre 400 e 499 persoas egresadas optan a catro premios, e as de máis de 500 persoas egresadas poden optar ata cinco premios.

GALARDÓNS DO CAMPUS DE LUGO 
Jorge Prieto Vilaboa estudou o Grao en Enexeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Lucía Souto Tizón do Grao en Administración e Dirección de Empresas.