Skip to main content
Folgoso do CourelLugo

A V Xornada Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense centrarase no Courel

Por 4 Marzo, 2022Sin comentarios

O territorio e a arqueoloxía do Courel centrarán a V edición da Xornada de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense, que se celebrará o vindeiro o 25 marzo no Pazo de Marcos baixo o epígrafe “O Courel dos tesos cumes”

O programa inclúe relatorios sobre os modelos de ocupación desta parte do territorio ao longo da historia e sobre os restos materiais conservados no Museo de Lugo, así como unha mesa redonda sobre a necesidade de transferencia e divulgación do coñecemento para a posta en valor do patrimonio arqueolóxico courelán.

Como novidade con respecto a outras edicións, a xornada inclúe este ano unha visita ao castro da Torre (Sobredo, Folgoso do Courel), guiada por Iván Álvarez Merayo, para coñecer de primeira man o traballo de campo no ámbito da arqueoloxía.

Este xacemento será protagonista tamén dunha exposición divulgativa monográfica realizada ao abeiro da xornada, que se inaugurará na sección de Prehistoria e Arqueoloxía do Museo de Lugo cunha visita técnica explicativa a cargo de Aurelia Balseiro e que se ofrecerá despois para itinerancia por outros espazos expositivos, culturais ou educativos.

Nesta nova edición daranse a coñecer multitude de datos de interese dunha das comarcas con máis riqueza cultural, natural e etnográfica de Galicia. Os cumes do Courel foron declarados hai pouco máis de dous anos como Xeoparque Mundial pola UNESCO, o primeiro do norte do estado.

Esta iniciativa xera espazos de encontro para filtrar estes coñecementos á sociedade e fomentar o estudo do noso, da natureza, arqueoloxía, etnografía e historia. Porque só desde ese punto se outorga o valor que merece.

A participación nestas xornadas sobre arqueoloxía e territorio poderase realizar en modalidade presencial ou en liña, asignándose as prazas por rigorosa orde de inscrición, previa e de balde, cubrindo o formulario dispoñible en www.redemuseisticaluga.org Para obter o diploma acreditativo á xornada de oito horas de duración, será preciso asistir ao 75% das sesións.