Skip to main content
Lugo

O ciclo ‘Destacando na Ciencia’ achega poñentes de gran renome á terceira idade

Por 5 Marzo, 2022Sin comentarios

Fomentar a inquietude por seguir aprendendo e por formarse en materias de interese e cultura xeral a calquera idade.

Ese foi o propósito co que se organizou o ciclo ‘Destacando na Ciencia’. Unha actividade que se desenvolve ao abeiro do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo, da USC e que comezou no día de onte co relatorio Mulleres e Ciencia de Xoana Pintos Barral.

A edil Olga López Racamonde destacou non só o prestixio dos poñentes que colaborarán nas próximas conferencias entre os que se atopan o doutor Carlos Juanatey e o historiador Ramón Villares e tamén a diversidade de temas que se abordarán nas mesmas e que gardan relación coa investigación sanitaria ou coa transición española.

O Concello de Lugo colabora financiando a celebración destas xornadas divulgativas como parte do programa de atención integral á terceira idade. De xeito que pretenden complementar actividades máis lúdicas, coas que tamén favorecen hábitos de vida saudables, como poden ser o exercicio grupal, as excursións ou as andainas, con outro tipo de propostas que incentiven a curiosidade e que propicien a implicación das persoas maiores en sectores como o universitario, en tanto lles posibilita ampliar os seus coñecementos e isto lles supón unha motivación para continuar activos física e socialmente.

O Ciclo, que comezaba na mañá do 4 de marzo, terá continuidade os vindeiros venres, 1 de abril, coa charla de Carlos González Juanatey sobre A investigación cardiovascular no servizo de cardioloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti, e o 4 de maio, coa do historiador Ramón Villares Paz sobre o Exilio republicano e transición á democracia.

As conferencias terán lugar no salón de actos da Casa do Saber e as persoas interesadas en participar poden informarse ou inscribirse na secretaría do Programa Universitario de Maiores da USC.