Skip to main content
Lugo

O aproveitamento enerxético centrará o vindeiro obradoiro programado no Lugar de Reque

Por 6 Marzo, 2022Marzo 7th, 2022Sin comentarios

O aproveitamento enerxético centrará o vindeiro obradoiro programado no Espazo Permacultural Lugar de Reque.

Trátase dunha formación teórica e práctica na que as persoas anotadas poderán participar no proxecto de creación dunha estufa de inercia de alto rendemento, unha tecnoloxía que permite lograr a máxima eficiencia á hora de xerar calor e aproveitalo.

O enxeñeiro Gustavo García e o especialista en bioconstrución Sol Sun Castro encargaranse de guiar a actividade, cunha metodoloxía participativa para que as persoas participantes poidan desenvolver este tipo de proxectos no seu ámbito profesional ou doméstico.

O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, animou “ás persoas interesadas a participar no obradoiro no que adquirirán as nocións básicas para deseñar e construír estas estufas baseadas en coñecementos que non son novos, que se aplicaron tradicionalmente, pero que foron desprazados, volvéndonos máis dependentes desde o punto de vista enerxético”.

A actividade desenvolverase en dúas fin de semana, os días 12 e 13 de marzo e 2 e 3 de abril, de 10.00 a 14.00 e de 15.30 a 19: 30 horas, no centro de cestería, un espazo reducido polo que as prazas son limitadas. Para participar, é necesaria a inscrición previa a través do enderezo electrónico lugardereque@deputacionlugo.org. O prazo para solicitar a participación abre o luns, 7 de marzo. Anotarase por orde de inscrición.

PROGRAMACIÓN ANUAL

O obradoiro forma parte da programación organizada para desenvolver ao longo do ano no Espazo Permacultural Lugar de Reque, que incluirá un amplo abano de actividades ligadas á permacultura e á sostibilidade.

Durante os meses de xaneiro e febreiros, desenvolvéronse diferentes actividades ligadas a saúde e ao coidado persoal -cosmética natural, alimentación consciente e consumo responsable ou plantas medicinais -.

O obradoiro previsto para as vindeiras fins de semana incide no aproveitamento enerxético e terá continuidade con outras propostas ligadas á bioconstrución, que transformarán o edificio no que se desenvolven, o centro de cestería, nun espazo máis eficiente desde o punto de vista enerxético.