Skip to main content
Lugo

CCOO e a CIG denuncian a situación que están a vivir os traballadores de Abante BPO Lugo

Por 8 Marzo, 2022Marzo 9th, 2022Sin comentarios

A Federación de Servizos de CCOO de Galicia e a CIG denuncian a situación que están a vivir os traballadores de Abante BPO Lugo con respecto ao pagamento dos salarios.

Segundo os sindicatos, a día de hoxe a empresa aínda non pagou a extra de decembro nin tampouco a nómina ordinaria do mes de febreiro.

CCOO afirma que “desde que os actuais xestores se fixeron cargo de Abante, o comité só conseguiu reunirse en dúas ocasións coa dirección. A primeira, o pasado 13 de decembro, cando se anunciou a compra. A segunda, o 3 de febreiro, cando a dirección informou de que estaba a facer as xestións oportunas para poder pagar a extra de decembro, non aboada por problemas de liquidez”.

Constatado tamén o atraso no pagamento da mensualidade de febreiro, a sección sindical de CCOO tentou poñerse en contacto coa empresa en reiteradas ocasións para instala a reunirse co comité. A resposta foi que se estaban a facer “esforzos” para o pagamento e declinando convocar xuntanza ningunha.

Ante esta situación, CCOO presentou unha nova denuncia na Inspección de Traballo, que se suma á interposta xa o pasado mes de decembro.

Por outra banda, dende a CIG denuncian esta mesma situación. “A empresa que durante lustros foi referente do sector dos centros de chamadas na cidade de Lugo, primeiro como Sykes e despois como Abante B.P.O., encóntrase actualmente nunha situación de ruinosa xestión cuxos episodios mais graves comenzaron no mes de decembro coa falta de pagamento da nómina da paga extra de decembro, e que agora se agrava co impago da nómina de Febreiro”.

Ademais, desta situación de extrema gravidade a CIG engade que a empresa está a levar “unha práctica absolutamente neglixente na xestión da empresa posto que desde a Empresa non hai ningunha persoa que serva de interlocutora válida para dar explicacións ao respecto da situación, o que supón unha absoluta indefensión e precariedade para o cadro de persoal que está a xerar situacións económicas dramáticas entre os traballadores e traballadoras, ademais de provocar ansiedade, nerviosismo e inseguridade entre os mesmos, repercutindo nun clima laboral absolutamente negativo”.

Ao deterioro da empresa que se manifesta claramente no impago de salarios hai que sumar outras decisións de extrema gravidade como é a recente perda dunha campaña da Comunidade Autónoma de Madrid, á que tras o vencemento do contrato, a empresa non se presentou ao novo concurso polo que a mesma venceu o pasado 28 de Febreiro, e os traballadores/as asignados á mesma atópanse sen funcións que desenvolver e sen que a empresa lles dea nen a eles nen ao Comité de Empresa ningunha resposta sobre o seu futuro.

Desde a CIG entenden que están na fase final dun proceso de descapitalización da mesma que comezou na primavera do ano 2021 cando a empresa se desfixo das dúas campañas mais importantes da mesma, a de France Telecom (Orange e Jazztel) e a de Ionos 1&1, “condenado á empresa a unha situación de decadencia que se potenciou e agudizou a través dunha xestión neglixente e fraudulenta destinada de forma interesada a conducir á empresa cara unha situación insostible”.