Skip to main content
Lugo

Os veciños de Lugo perden a comunicación co Concello ante a caída do 010

Por 8 Marzo, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo viuse obrigado a tomar medidas trala quebra da empresa Abante, responsable do servizo do 010. Cristina López explicou que “estamos xa a traballar para garantir o mellor servizo de atención para a veciñanza de Lugo, despois das distintas situacións acontecidas nas últimas semanas coa empresa responsábel”.

A concelleira de Participación vén de poñer en coñecemento dos servizos de Persoal e Contratación a situación acontecida coa empresa concesionaria despois do cese do servizo pola súa parte, e a situación actual das traballadoras e traballadores do mesmo. “Estamos xa traballando en poñer o 010 en marcha, de xeito provisional, mentres preparamos un novo prego para licitar o servizo de novo”, explicou a edil de Participación.

O Goberno de Lugo poñerá en marcha de novo o 010 no menor prazo de tempo posible para garantir que as veciñas e veciños teñan acceso á atención telefónica de calidade ofrecida neste servizo.

Para solicitar cita previa nos distintos servizos municipais está activo o servizo de cita a través da web municipal.

O sistema de cita previa está dispoñible para os servizos de Augas, Cemiterio, Estatística, Información ao Consumidor, Rexistro, Tarxeta Cidadá e Tesourería. Para solicitar a cita, deberase iniciar o procedemento a través do formulario habilitado na web concellodelugo.gal, seleccionando o servizo ao que se dirixe e o tipo de trámite a realizar, e escoller a data e hora desexada para presentarse no Concello. Despois deberanse cubrir os datos persoais da solicitante, incluíndo un teléfono de contacto e un correo electrónico, medios aos que chegará unha mensaxe confirmando a reserva da cita.

A través do mesmo trámite da web do Concello, pode eliminarse unha cita solicitada previamente, liberando a hora para que outra persoa poida asistir a realizar un trámite nese momento.

PROBLEMAS PARA A CIDADANÍA

Este imprevisto deixa sen servizo aos veciños da cidade de Lugo, limitándo as opcións de contacto co Concello a unha páxina web coas dificultades que esta presenta de maneira habitual. Esta forma de contactar co Concello depende das competencias dixitais dos veciños supoñendo un grave problema se estas son mínimas.