Skip to main content
Lugo

A rúa Sanxillao contará cunha plataforma única con preferencia peonil

Por 10 Marzo, 2022Sin comentarios

O tenente alcalde e responsable da área de mobilidade, Rubén Arroxo, xunto co edil de infraestruturas urbanas, Alexandre Penas visitaron a rúa Sanxillao onde se está a levar a cabo a renovación da pavimentación da zona. Arroxo explicou que “no treito máis ancho da rúa estase a renovar o pavimento, que se atopaba moi desgastado e na zona máis estreita continuamos avanzando coa instalación dunha zona con plataforma única, aumentando a seguridade peonil nesta zona”.

Esta zona contará cunha plataforma única cuxo acabado resaltará o carácter de preferencia peonil da rúa, e contará con cores diferenciadas para a zona peonil e a zona de paso de vehículos. O treito de plataforma única estará limitado a 20 Km/h e contará con elementos que permitirán o calmado do tráfico.

O Goberno de Lugo continúa a planificar melloras na convivencia do tráfico e dos pasos peonís. “O modelo de plataforma única demostrou a súa viabilidade en zonas estreitas, cuxo ancho non permite instalar beirarrúas que cumpran os requisitos esixidos pola lexislación”, explicou o tenente alcalde.

Ademais da rúa Sanxillao, o Goberno de Lugo está a executar as obras para habilitar unha plataforma única en Fingoi de Abaixo.