Skip to main content
Lugo

Homenaxeada Matilde Veiga Vilaboa a primeira muller soterrada no Cemiterio Municipal

Por 13 Marzo, 2022Sin comentarios

A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, visitou o Cemiterio Municipal, onde se realizou un acto de lembranza a Matilde Veiga Vilaboa, primeira muller en ser soterrada no Cemiterio, organizado dentro das actividades realizadas pola área de Participación polo 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. “Desde a área de Participación quixemos lembrar a Matilde Veiga Vilaboa, unha muller que xa forma parte da historia da cidade e do Cemiterio Municipal”, explicou Cristina López.

Matilde Veiga Vilaboa foi enterrada no Cemiterio Municipal o día 16 de xullo de 1948, un día despois de que se inaugurara o recinto. “É unha muller traballadora que sen sabelo pasou a formar parte do proxecto que desde a área de Participación estamos a executar para vincular a cidade e o Cemiterio”, explicou a concelleira, que engadiu “hoxe tócanos a nós, ás mulleres que agora estamos a traballar na consolidación do cemiterio como espazo vital, facerlle a Matilde unha pequena homenaxe e dar luz á súa vida, unha vida anónima que tamén forma parte da nosa memoria colectiva”.

A tenencia de alcaldía do Concello de Lugo lembrou tamén, co gallo do 8 de marzo, a labor das dúas mulleres que máis anos levan traballando na Praza de Abastos e no Mercado Municipal. María do Carme Porto López, de 84 anos, responsábel da carnicería Díaz Ferreiro, que comezou a traballar na Praza de Abastos con 25 anos, e a María Andrade Lavandeira, de San Pedro de Soñar, que na actualidade ten 81 anos e leva asistindo ao Mercado Tradicional dos martes e dos venres desde os 18, foron as dúas mulleres homenaxeadas nun acto realizado o pasado día 8 na Praza de Abastos.