Skip to main content
Lugo

O programa IlustrarNÓS estréase nos colexios Albeiros, Paradai e Quiroga Ballesteros

Por 14 Marzo, 2022Abril 29th, 2022Sin comentarios

Hoxe, luns 14 de marzo dan comezo os obradoiros do programa IlustrarNÓS, que achega aos centros distintas actividades relacionadas co mundo da ilustración, deseño e artes gráficas.

Nos centros de educación primaria realizarase un obradoiro dunha hora de duración baixo o título “Os Nosos (Ilustres) Instrumentos”, nunha proposta que conxuga ilustración e música e que correrá a cargo da ilustradora Laura Romero e do músico Juan A. Álvarez.

Os CEIP de Albeiros, de Paradai e Quiroga Ballesteros, de Lugo cidade, desfrutarán da actividade este hoxe luns 14 de marzo.

Nos centros de secundaria, os obradoiros correrán da conta do historietista e ilustrador Kiko da Silva, que debullará para o alumnado o proceso creativo da banda deseñada.

Ademais, a Escola de Arte Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo, que imparte diversos módulos relacionados coa ilustración, acollerá o 6 de maio unha charla a cargo do ilustrador Alberto Guitián, que afondará en cuestións relativas ao exercicio profesional, poñendo sobre a mesa temas como a protección e a xestión dos dereitos de autor no mercado global ou a defensa fronte a plaxios ou prácticas especulativas.

O programa tivo moi boa acollida entre os centros educativos, que demostraron un gran interese por incluír estas actividades nas aulas, fomentando que o alumnado coñeza e valore o traballo dos creadores do ámbito da ilustración.

II CERTAME DE ILUSTRACIÓN “IlustrarNÓS”.

O programa inclúe a convocatoria do II Certame de Ilustración “IlustrarNÓS”, dirixido a fomentar a creatividade e as artes gráficas nos centros de ensino e aberto a alumnado de Primaria, Secundaria, BAC e Ciclos Formativos de Grao Medio e Superior. Establéncense catro categorías de creación, en función das etapas educativas, cos seus correspondentes premios. As bases e as follas de inscrición, que foron remitidas a todos os centros educativos, están tamén disponibles en cultura.deputacionlugo.gal

INTERVENCIÓNS ARTÍSTICAS.

A axenda de IlustrarNÓS completarase co pintado de oito murais en instalacións e recintos educativos, realizados por Iago Eireos e Iván Mouronte e con deseños alusivos a Reimundo Patiño, pintor e pioneiro da Banda Deseñada en Galiza, a quen se dedicou este ano o Día da Ilustración.

Ademais, ao longo da primavera, o ilustrador Kiko da Silva realizará unha exhibición do seu traballo na Praza de Marcos.