Skip to main content
Lugo

Lugo recuperará e porá en valor a cloaca romana cun orzamento de 436.145 euros

Por 15 Marzo, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo anunciou hoxe o inicio do proceso de contratación das obras para a recuperación e posta en valor da cloaca romana situada no semisoto da Sala de Exposicións Porta Miñá (a principal da cidade), no barrio do Carme, unha infraestrutura con preto de 1.700 anos de antigüidade. “Na Xunta de Goberno que celebraremos mañá aprobaremos a licitación destes traballos, para os que destinaremos un orzamento de 436.145 euros”, avanzou a rexedora.

Lara Méndez, que estivo acompañada da tenenta de alcaldesa, Paula Alvarellos, e Enrique González, arqueólogo municipal, explicou que “este investimento enmárcase na nosa aposta por seguir protexendo e difundindo o pasado romano da cidade, para defender tanto o seu patrimonio, como para que sexa un recurso dun turismo de calidade e sostible”.

“Unha vez máis, dende o Concello, sen ser a administración coas competencias en patrimonio, xa que estas son propias da Xunta de Galicia, decidimos levar a cabo esta intervención en beneficio do conxunto dos lucenses e da cidade”, engadiu, e amosouse confiada en que “este avance supoña un acicate para que a Xunta cumpra o seu compromiso de construír o museo da Romanización de Galicia no Cuartel de San Fernando, que converterá a Lugo no centro cultural referente do pasado romano de Galicia e do noroeste peninsular”.

A INTERVENCIÓN COMPONSE DE DÚAS PARTES COMPLEMENTARIAS ENTRE SI.

Por unha banda, a parte de obra civil e arquitectónica, de adecuación do espazo para que poida ser visitable e accesible. Isto conlevará reestruturar o espazo actualmente destinado a servizos e almacén que hai por detrás da Sala de Exposicións, dotándoo dunhas escaleiras, un elevador e uns novos aseos. O soto tamén se adecuará, con impermeabilizacións, revestimentos, solados e todas as instalacións precisas para o futuro uso.

Doutra banda, a parte de escavación, estudo dos achados arqueolóxicos, restauración e consolidación da cloaca romana. Isto irá acompañado da parte museográfica. É dicir, primeiramente recuperarase a cloaca a un bo estado de conservación para ser exposta e, posteriormente, acompañarase á mesma cun equipamento de museografía para explicar ao público a súa función e contexto na época romana.

“O acondicionamento do espazo que alberga os restos arqueolóxicos da cloaca romana permitiranos seguir ampliando o coñecemento sobre a historia de Lugo, e comprender, ao mesmo tempo, o funcionamento da urbe máis antiga de Galicia durante as súas orixes”, subliñou.

A veciñanza poderá realizar unha viaxe ao mundo soterrado da cidade romana”. Engadiu que “o obxectivo é poder mostrar á cidadanía en xeral e visitantes a cloaca romana orixinal en bo estado, na súa localización real e orixinal, aproveitando o local para realizar exposicións e explicacións sobre esta infraestrutura contextualizando na época”.

“O acondicionamento do espazo que alberga os restos arqueolóxicos da cloaca romana permitiranos seguir ampliando o coñecemento sobre a historia de Lugo, e comprender, ao mesmo tempo, o funcionamento da urbe máis antiga de Galicia durante as súas orixes”, subliñou.

ACTUACIÓNS A DESENVOLVER

A intervención incluirá a limpeza e reexcavación da zona da cloaca para o seu saneamento; a escavación arqueolóxica do seu interior, con escavacións puntuais para a instalación da drenaxe; a escavación do perímetro, co obxectivo de facilitar o seu desaugadoiro e illamento; a diagnose do estado dos restos arqueolóxicos, a súa consolidación e restauración; e un proxecto museográfico de posta en valor das estruturas.

A execución deste proxecto é, polo tanto, un traballo multidisciplinar entre arquitectura, museoloxía, arqueoloxía e conservación-restauración con tres obxectivos básicos. O primeiro é realizar traballos de conservación-restauración que permitan gozar “in situ” e preservar para xeracións futuras, esta parte do rico patrimonio arqueolóxico de época romana que alberga a cidade de Lugo. O segundo atende á adecuación do espazo para facelo visitable e accesible, respectando a contorna e o edificio catalogado onde se sitúa e o terceiro, a integración do discurso museológico cos outros restos arqueolóxicos e instalacións museísticas visitables en Lugo como parte dun único discurso da vida da cidade romana.

CARACTERÍSTICAS DA CLOACA

A construción da mesma dátase a partir de mediados do século IV, grazas a unha moeda acuñada entre 341-346 d.C. que foi achada na gabia de cimentación. Discorría baixo o decumanus maximus, encaixada nunha gabia escavada na roca natural.

Para a súa construción aproveitouse a pendente do terreo que facilitaba a drenaxe e a evacuación das augas residuais deste sector da cidade cara ao Rego dos Hortos para desembocar, finalmente, no río Miño.

O solar e a estrutura da cloaca están escavados case na súa totalidade (excepto o interior da infraestrutura romana). En concreto, o solar foi escavado no ano 1994 nunha intervención dirixida desde o Servizo de Arqueoloxía do Concello de Lugo. Nesta actuación documentouse esta gran cloaca duns 13 metros de largo, unha anchura exterior de 1,5 metros e un desnivel de case o 7%.

Os traballos levaranse a cabo no marco da estratexia DUSI Muramiñae, cofinanciada pola Unión Europea a través do FEDER, e terán un prazo máximo de execución de oito meses.