Skip to main content
Lugo

Remataron as obras de substitución do fibrocemento na rúa Armónica de Lugo

Por 17 Marzo, 2022Sin comentarios

Remataron as obras de substitución do fibrocemento na rúa Armórica, cun investimento de 204.540 euros do Concello de Lugo que inclúe, así mesmo, a reposición do pavimento da beirarrúa.

Esta intervención, que se enmarca no plan posto en marcha polo Goberno local para renovar a rede de distribución nas rúas con maior número de avarías, tivo por obxecto a retirada das tubaxes actuais por outras de fundición nun total de 40 acometidas no tramo comprendido entre a rúa Marina Española e a Rolda de Fingoi, que se atopaba bastante deteriorado.

Con esta intervención búscase rematar coas frecuentes roturas que se rexistraban na contorna e que ocasionaban non só importantes perdas de auga senón tamén moitas molestias para a veciñanza, de maneira que, a partir de agora, o servizo queda garantido, véndose incrementada tamén a eficacia da súa prestación a través de infraestruturas máis sostibles e eficientes.

Deste xeito as obras implicaron a renovación da rede de abastecemento substituíndo a traída existente por canalizacións de fundición dúctil, cos seus correspondentes elementos complementarios como válvulas, bocas de rega e incendios, así como todas as acometidas domiciliarias. Proxectouse, así mesmo, a demolición e reposición do pavimento ao longo da gabia e en todo o ancho da beirarrúa naqueles puntos onde se atopaba danada.

PLAN DE 1,7 MILLÓNS PARA A SUBSTITUCIÓN DO FIBROCEMENTO

Co obxectivo de erradicar a presenza deste material, o executivo de Lara Méndez, leva destinado nos últimos dous anos un investimento superior a 1’7 millóns de euros para ir substituíndo, progresivamente, estas tubaxes por outras de fundición en 14 rúas da cidade así como no Grupo La Paz, dentro da que se inclúen 10 vías máis (Camelia, Acibro, Alecrín, Estrelamar, Padre Sarmiento, Santo Domingo de la Calzada, Carpaza, Ligustro, Pardo de Cela e Estralote).

En concreto as zonas nas que se actuou foron as rúas Bataneira e Figueira, Aviación Española, Armórica, Escultor Asorei, Rei don García, a marxe dereita da avenida Marqués de Ombreiro e boa parte do barrio da Cheda, que inclúe as rúas Río Landro, Eume, Pousadela, Masma, Sar, Pambre e Azúmara.