Skip to main content
Lugo

‘Galiza pola Paz’ organiza unha concentración o 20 de marzo en Lugo contra a guerra

Por 18 Marzo, 2022Xuño 21st, 2023Sin comentarios

A plataforma “Galiza pola Paz” formada por máis de 30 colectivos convoca unha concentración en Lugo baixo lema “Galiza pola Paz, Non á guerra” para esixir o cesamento das accións de guerra e o diálogo e a diplomacia para a resolución do conflito que está ocorrer coa invasión rusa do territorio da Ucraína.

Esta concentración celebrarase na Praza Maior de Lugo ás 12 horas do domingo 20 de marzo.

A plataforma anima a participar nesta reivindicación, manifestando o rexeitamento da invasión rusa, os desexos de paz da sociedade galega. Tamén para expresar a solidariedade da sociedade galega coas vítimas e os millóns de refuxiados e refuxiadas que está a provocar este conflito.

“Galiza pola Paz” reclama a neutralidade activa do Estado español neste conflito, a retirada inmediata das tropas españolas enviadas seguindo as directrices da OTAN aos territorios próximos ao conflito e frear o envío de armas por parte da Unión Europea.

De igual xeito, reclama o compromiso da non incorporación de Ucraína á OTAN en consonancia cos acordos de Minsk e o recoñecemento das repúblicas populares de Donestk e Lugansk, respectando a súa vontade democrática.