Skip to main content
Lugo

O BNG lucense participou no encontro de mobilidade

Por 18 Marzo, 2022Sin comentarios

O Portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, asistiu xunto co edil de Infraestruturas Alexandre Penas, a un encontro de mobilidade no que o BNG analizou o borrador da Lei de Mobilidade que está a elaborar o Goberno do Estado, normativa que carga sobre o peto da cidadanía a redución de emisión de CO2 nas urbes de máis de 50.000 habitantes e baixo un criterio uniforme que ignora a realidade galega.

“O novo modelo de mobilidade ten que apostar por reducir o tráfico innecesario das cidades, non en discriminar á veciñanza en función de se poden adquirir un vehículo eléctrico”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “en Lugo estamos xa a traballar nesta vía, apostando polo calmado do tráfico, por un transporte público útil e eficiente, e pola creación de espazos peonís seguros”.

O BNG propón implantar zonas de baixas emisións reducindo os tráficos innecesarios para o funcionamento da cidade, fronte ao modelo que se recolle no borrador lexislativo. Por iso, a formación nacionalista está negociando co Goberno central que a fórmula que xa aplican as cidades nas que o BNG goberna sexa unha alternativa que tamén se recolla na futura lei de mobilidade para a creación de zonas de baixas emisións, que deben estar definidas en 2023, a través da redución dos tráficos innecesarios para o funcionamento da cidade. Sistema que, ademais, ten outras vantaxes como a ampliación do espazo público para as persoas, a redución da sinistralidade ou que se facilita a autonomía dos menores.

A lei que prepara o Executivo central é “inxusta” para Galicia pois parte dunha realidade allea ao País, como é a situación de contaminación de Madrid e de Barcelona, que mesmo motivaron a apertura dun expediente sancionador da Unión Europea ao Estado español, “pero nin as nosas cidades, nin a nosa cidadanía ten por que pagar as consecuencias”, afirmou a Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón.

Pontón advirte que as alternativas que recolle o borrador da lei favorecen ao lobby da automoción e ás eléctricas, e pide que a Xunta impulse unha lei de mobilidade adaptada a Galicia “que non sexa un copiar e pegar do que se decide pensando na realidade de Madrid ou doutras grandes urbes”.