Skip to main content
Lugo

O Skate Park de Lugo amplía o seu horario de uso gracias á colocación de luminarias

Por 25 Marzo, 2022Abril 1st, 2022Sin comentarios

O Skate Park conta dende esta semana con maior e mellor iluminación que permitirá ás súas usuarias e usuarios desfrutar do recinto durante máis horas ao día en condicións idóneas para a práctica desta disciplina.

Os traballos executados pola área de Xuventude e Deportes investiu 10.108,34 €.

A actuación consistiu na colocación de 4 columnas metálicas dotadas, cada unha delas, de dous equipos proxectores Led de alto rendemento cunha potencia de 250W. Para a súa instalación foi necesario proceder ao amarre das torres e conectalas á rede de terra existente na zona, así como ampliar os cadros eléctricos que dan servizo á dotación, de 887 m2 e habilitada para as dúas modalidades principais do skateboarding: street e park, mantendo unha proporción e relación entre ámbalas dúas zonas que outorga moita flexibilidade ao recinto.

A esta versatilidade engádese agora a posibilidade de empregar o Skate até a unha da madrugada, cando está programado o cese do alumeamento público, aínda que este horario pode ampliarse en función da demanda dos colectivos e deportistas que fan uso del.

Esta intervención se suma a outras xa realizadas nos últimos meses co obxectivo de aumentar as prestacións que ofrecen as dotacións municipais e como as levadas a cabo en Frigsa, tanto no pavillón como nas canchas de tenis – coa cubrición dunha delas, á renovación do céspede dos campos de fútbol das Gándaras, á remodelación das Pistas Municipais de Atletismo Gregorio Pérez Rivera, a reforma do Pavillón Daniel Cordido da Piringalla e mesmo a creación do circuíto de Motocross de Teixeiro.

Deste xeito auméntanse as posibilidades de gozar na cidade dunha gran diversidade de instalacións, variadas e modernas, nas que teñen cabida todo tipo de usuarios, dende os máis experimentados até os principiantes e todas aquelas persoas que atopan no deporte unha maneira de coidarse e desfrutar do tempo libre.