Skip to main content
Lugo

Lugo súmase á Hora do Planeta co apagado da Deputación, Concello e Tanxurela

Por 25 Marzo, 2022Sin comentarios

A sede da Deputación de Lugo, a Casa Consistorial e a Tanxurela permanecerán a escuras entre as 20:30 e as 21:30 horas de mañá sábado, día 26 de marzo, sumándose así a iniciativa da Hora do Planeta, unha campaña organizada a nivel mundial por WWF para promover a defensa da natureza e a loita contra o cambio climático. Durante unha hora apagarase a iluminación da fronte, das canellas e a do interior da sede da institución provincial.

Un xesto simbólico que mantén dende o 2010 e co que, ademais de dar exemplo, quere crear conciencia social sobre a necesidade de conectar e ser máis respectuosos coa natureza.

Os organismos provinciais sumáronse nos últimos anos a esta acción dentro do seu compromiso contra o cambio climático facendo fronte ao excesivo consumo de enerxía. Esta campaña, que cumpre o seu 15 aniversario, reúne cada ano a máis cidades e países co apagado de milleiros de edificios públicos e monumentos emblemáticos.

Esta edición celébrase nun momento no que dende os gobernos e organizacións se reclama unha maior ambición e accións urxentes para deter e reverter a perda da natureza en 2030. Será nas vindeiras semanas cando os líderes mundiais se reúnan na COP15 do Convenio de Naciones Unidas sobre Diversidade Biolóxica para decidir sobre un novo plan de acción global para a natureza de cara a próxima década.