Skip to main content
Lugo

As vivendas da Mosqueira poden solicitar axudas á Xunta para a súa rehabilitación

Por 27 Marzo, 2022Sin comentarios

A Xunta de Galicia brinda o seu apoio para a rehabilitación de vivendas, con incidencia especial naquelas que supoñen un impacto paisaxístico en contornas sensibles, como as situadas nos cascos históricos ou nos Camiños de Santiago.

Hai varias liñas de axuda ás que se poden acoller, entre outras, as casas situadas fronte á Muralla, e en concreto as que están na zona da Mosqueira e que presentan un aspecto de deterioro.

Así, poden acceder ás axudas da Área de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago, ou ás da ARI do Casco Histórico de Lugo. Igualmente, está previsto convocar proximamente as axudas para mellora da eficiencia enerxética con obras en cubertas e fachadas, e xa están publicadas as destinadas a actuacións, como o cambio de carpintarías exteriores, co mesmo obxectivo de aforro enerxético.

Ademais, tamén está aberto o prazo de solicitudes para a adquisición de vivendas en cascos históricos, que poden presentarse ata o mes de setembro. O obxectivo da Consellería é “facilitar recursos cos que afrontar tanto a compra como a reforma de vivendas, de forma que sexan máis confortables e seguras, eficientes dende o punto de vista enerxético e medioambiental e estean ben integradas na paisaxe urbana”.

Luminarias

Con respecto á polémica sobre os farois instalados na zona da Mosqueira, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quixo deixar claro que “Patrimonio da Xunta non instou ao Concello de Lugo a instalar este tipo de luminarias, senón que o que fixo foi emitir unha resolución favorable ao proxecto presentado polo Concello, pero non decidir o tipo de farois”.

Pese a isto, o delegado territorial explicou que “estas luminarias cumpren coa normativa e coas directrices recomendadas, aínda que é certo que pode haber máis tipos de farois que tamén se adecúen ás normas”.

En calquera caso, Javier Arias sinalou que “haberá que esperar ao remate da obra para valorar realmente cal é o resultado da mesma e das estruturas luminarias. Trátase dunha actuación demandada polos lucenses, na que a Xunta colaborou axilizando na medida do posible as actuacións que dependían, neste caso, de Patrimonio”.

Arias Fouz sostén que “entendo que as luminarias polas que se decantaron poidan gustar máis ou menos, pero responden a unha dobre necesidade: iluminar o monumento e tamén a rúa, e polo tanto as características a cumprir son moitas máis que no caso dos farois que teñen como única función iluminar a rúa”.