Skip to main content
Lugo

Os usuarios da Residencia de Maiores das Gándaras interactuaron con cans adestrados

Por 31 Marzo, 2022Sin comentarios

A Residencia de Maiores das Gándaras está a levar a cabo unha actividade de ocio na que os usuarios poden interactuar con cans adestrados.

Da man da adestradora, o animal responde ao grao de proximidade que se lle reclama en cada caso; a asistencia é voluntaria e trabállase con grupos reducidos, de entre 15 e 20 residentes, para que todos poidan desfrutar do seu achegamento, xogar co can e mesmo peitealo ou darlle de comer. O 13 de abril celebrarase a cuarta e última xornada, neste caso para usuarios con autonomía funcional, na zona axardinada do exterior da residencia.

O obxectivo é ofrecer un contacto que moitos residentes botan en falta, porque tiñan can na casa ou ben preto dela, e procurar unha xornada diferente, un estímulo distinto para interactuar e socializar dentro da residencia.

Esta actividade forma parte do programa Lecer Activo, que oferta aos maiores e ás persoas con discapacidade dos centros residenciais da Xunta unha serie de iniciativas de ocio e tempo libre para axudar a manter un nivel axeitado de benestar persoal e social en termos físicos, emocionais e psicosociais.

Así, na residencia das Gándaras hai actividades fixas, como traballos manuais ou ximnasia, que se complementan con outras citas puntuais, dende excursións ata espectáculos musicais ou de maxia, entre outros.