Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

O Concello de Outeiro de Rei estuda a ampliación do centro médico para levar o PAC

Por 14 Marzo, 2022Marzo 15th, 2022Sin comentarios

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reuniuse co alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lomboa, na súa reciente visita ao municipio pola posta en marcha dun servizo de enfermaría pediátrica diaria.

Nesta reunión ambas as dúas entidades comprometéronse a estudar a posibilidade de trasladar o PAC ao centro médico o que implicaría unha ampliación do edificio en 300 metros.

Para levar a cabo esta iniciativa o Concello encargaríase da compra dos terrenos anexos ao centro de saúde e o compromiso da Xunta sería facer un edificio máis grande “acorde ás dimensións actuais da poboación de Outeiro de Rei”, explica o alcalde.

Nese sentido, o Servizo Galego de Saúde enviou xa a técnicos de obras a supervisar o centro e as parcelas adxacentes acompañados de persoal do concello para avaliar as posibilidades de ampliación e a dispoñibilidade de parcelas para efectuala.

Mediante un protocolo de colaboración, o Concello cederá ao Sergas unha parcela adxacente e autorizará á administración autonómica a acometer as obras no inmoble, que é de titularidade municipal.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia asumirá os trámites de elaboración do proxecto e licitación e execución da obra e os custos derivados deste proceso.

Engade o rexedor que o Concello de Outeiro de Rei aumentou a súa poboación os últimos anos en 1.200 persoas polo que necesitan aumentar as súas dotacións sanitarias.

Durante esa xornada, ambos os dous supervisaron o inicio da prestación de atención pediátrica de xeito diario.

O Sergas iniciará en Outeiro de Rei un proxecto pioneiro que se concreta na dotación dunha enfermeira especialista en enfermaría pediátrica que estará dispoñible para as familias todos os días no seu centro de saúde realizando atención pediátrica como a supervisión periódica do neno san e complementando a atención prestada pola pediatra que se despraza a este centro un día á semana.