Skip to main content
Palas de Rei

A ollada das mulleres vencelladas á Ulloa poderá ser visitada no Castelo de Pambre

Por 1 Marzo, 2022Sin comentarios

O Instituto de Estudos Ulloáns organizou unha exposición fotográfica que pon en diálogo diferentes olladas de mulleres vencelladas á Comarca da Ulloa sobre o seu territorio. As propostas fotográficas parten todas elas dunha reflexión, critica ou posta en valor dalgún aspecto relacionado coa devandita comarca. A exposición colectiva vai acompañada, ademais, de escritas que contextualizan cada unha das propostas no seu marco de referencia, procurando dar cabida á reflexión das autoras e dende as perspectivas social, histórica, pedagóxica e territorial.

As fotógrafas que forman parte desta exposición son bibliotecarias, mestras, gandeiras, estudantes, traballadoras do fogar, hostaleiras, muiñeiras, deseñadoras gráficas, fotógrafas, cantareiras, nais, fillas, veciñas… mulleres.

Ademais, aproveitarase a cita para presentar o libro Proposta Pedagósica Fotografías Centrípetas. Esta proposta pedagóxica nace da exposición que leva o mesmo nome e que organizou a finais do 2021 a sección de fotografía, audiovisuais, arquivo fotográfico e fonográfico do Instituto de Estudos Ulloáns en colaboración coa Rede Museística da Deputación de Lugo.

O obxectivo con esta simbiose entre expresión artística e ámbito pedagóxico é precisamente o de estreitar lazos entre estas dúas realidades. A pedagóxica, a artística e o territorio no que ambas se inscriben como realidade de carácter social.

A inauguración terá lugar na sala de exposicións do Castelo de Pambre o 5 de marzo ás 12.00 horas.