Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Os accesos a dous núcleos da Ribeira Sacra foron acondicionados

Por 7 Marzo, 2022Sin comentarios

Nogueira do Miño, en Chantada, e San Lourenzo de Barxacova, en Parada de Sil, potenciaron a súa accesibilidade despois da realización dunha actuación de mellora integral no marco do Pacto pola paisaxe da Xunta de Galicia.

O impulso destas dúas accións, que contaron cun orzamento de 100.000 euros —50.000 euros cada unha—, está xustificado pola súa proximidade ao Camiño de Inverno, un elemento patrimonial de singular valor; polo que os traballos realizados permitiron reducir os impactos paisaxísticos identificados nestes núcleos de interese arquitectónico.

No caso de Nogueira do Miño, que alberga o BIC Igrexa de Santa María, levouse a cabo a pavimentación do camiño principal de acceso para os visitantes, roza e limpeza do ámbito, reconstrución de muros e outros elementos, así como a instalacións de equipamentos de recollida do lixo, para evitar a proliferación de basuraleza nas inmediacións da coñecida como Capela Sixtina galega.

O núcleo de San Lourenzo de Barxacova é un dos puntos máis concorridos da Ribeira Sacra, por aloxar as sendas polo río Mao, a Fábrica da Luz —unha das primeiras infraestruturas hidroeléctricas construídas en Galicia— ou a Necrópole de Barxacova; e tamén polos servizos turísticos que ofrece, como o centro BTT e establecementos de hospedaxe.

As actuacións levadas a cabo neste núcleo consistiron na ampliación dun aparcadoiro existente, mellora dos sistema de valado e protección, reconstrución e limpeza de muros, así como a definición dun camiño de acceso ao núcleo e dun camiño interior.

Este tipo de actuacións melloran e optimizan estes núcleos, dado o seu potencial para promover un turismo sustentado no patrimonio cultural, na viticultura, na gastronomía e en contacto co medio natural.