Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Xa se poden presentar as solicitudes das axudas para as festas de barrios e parroquias de Monforte

Por 13 Marzo, 2022Sin comentarios

Xa se poden presentar as solicitudes das axudas para a celebración de festas de barrios e parroquias de Monforte. As bases das mesmas foron publicadas esta semana no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.

O alcalde, José Tomé Roca, salientou que “recuperamos unha liña de axudas que non puidemos convocar nos dous últimos anos por mor da pandemia da Covid-19. Como nos exercicios anteriores, preténdemos apoiar e incentivar a realización de actividades culturais, mediante o outorgamento de subvencións, á promoción e organización de actividades culturais e artísticas vinculadas á cultura popular e tradicional entendendo por cultura popular e tradicional en especial, as festas, as tradicións, os costumes, a música, os bailes e danzas, as representacións, o folclore, así como calquera outra manifestación de carácter popular e tradicional nos barrios e parroquias deste Concello”.

Deste xeito, esta convocatoria pública ten por obxecto apoiar ás iniciativas, actuacións e programas para a dinamización da vida cultural do Concello de Monforte, sendo actividades que complementen os programas dos servizos culturais municipais, dentro do seu marco de competencias e dirixidos á comunidade en xeral.

A contía destinada a estas subvencións para este ano 2022 é de 20.000 euros, un 15% máis que na última edición convocada (ano 2019, 17.500 euros).

O importe de cada subvención non poderá superar os 500 euros por anualidade no caso de festas parroquiais, e os 910 euros por anualidade no caso de barrios da cidade. En todo caso a achega será proporcional ao numero de solicitudes presentadas e aceptadas.

OBXECTIVOS DAS AXUDAS
En concreto estas subvencións teñen como obxectivo fomentar e promover a organización de actividades, programas e eventos culturais na nosa cidade por parte de asociacións e colectivos culturais, completando a oferta cultural deseñada polo Concello; promover con especial atención ás iniciativas de asociacións na busca de novos procesos creativos; promover e apoiar o asociacionismo cultural na nosa cidade, apoio á realización de eventos culturais especialmente dirixidas á xuventude, estreitar a coordinación entre o Concello e os colectivos culturais monfortinos para aproveitar as sinerxías acadando unha maior calidade e eficiencia nas accións culturais; apoiar ás asociacións de veciños, organizadores de festas patronais e outros actos tradicionais de parroquias e barrios do municipio.

Poderán solicitar estas subvencións todas as parroquias e barrios do Concello de Monforte de Lemos que promovan festas populares, actuando como representantes os organizadores das mesmas.