Skip to main content
Folgoso do Courel

O obradoiro dual de emprego Sillor VIII está a traballar nas beirarrúas do Courel

Por 29 Marzo, 2022Sin comentarios

O obradoiro dual de emprego Sillor VIII, financiado pola Xunta con 377.000 euros, está a mellorar espazos urbanos dos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel. O taller, que comezou en outubro e funcionará ata mediados de xullo, forma a 20 persoas na especialidade de revestimentos continuos en construción.

Os participantes están a traballar en Folgoso do Courel na construción de beirarrúas na avenida Deputación. Neste municipio o proxecto inclúe así mesmo o acondicionamento dunha zona para parapente no alto do Piapaxaro e dun heliporto eventual en Traspando; o arranxo dos accesos á igrexa de Esperante e o revestimento interior dunha nave municipal situada na Serra.

Pola súa banda, en Quiroga as obras previstas consisten na construción de beirarrúas na travesía dos Tallos; mentres que en Ribas de Sil prográmase o acondicionamento dunha nave municipal en San Clodio.

Os alumnos e alumnas, ademais de formarse e de realizar un traballo, grazas a esta actividade poden obter un certificado de profesionalidade. O obradoiro Sillor VIII inclúe incentivos á contratación de todos os participantes, que ao finalizar teñen a opción de empregarse nunha empresa durante un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa, para desenvolver funcións relacionadas cos contidos impartidos no taller.

Nova convocatoria aberta ata o 8 de abril
Segue aberta a nova convocatoria dos obradoiros duais, que este ano amplían o seu orzamento nun 23% ata acadar os 42,1 millóns de euros.

Con esta iniciativa estímase que entre 2022 e 2023 unhas 1.600 persoas sen emprego melloren a súa cualificación, ao tempo que acceden a un traballo, a través do desenvolvemento de máis de 80 talleres en toda a Comunidade.

As entidades promotoras -concellos, mancomunidades e entidades sen ánimo de lucro do sector forestal- poden solicitar a súa participación na nova convocatoria ata o próximo 8 de abril. Nesta edición amplíase a duración das actividades, que pasan de nove a doce meses.