Skip to main content
Monforte

O talento e a innovación foron premiados na gala organizada por AJE Lugo en Monforte

Por 5 Marzo, 2022Marzo 6th, 2022Sin comentarios

No día de onte, venres 4 de marzo o Parador de Monforte acolleu o acto de entrega dos VIII Premios AJE Lugo, organizado pola Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo no Parador de Turismo monfortino onde participouu o alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo.

Na súa intervención, o rexedor municipal puxo en valor o compromiso de AJE “coa promoción e coa difusión da cultura emprendedora, coa innovación empresarial e coa creación de emprego” e recoñeceu a importancia dos empresarios e empresarias galardoados, que “representan o talento e a capacidade de emprendemento que precisa Monforte, a Ribeira Sacra, a provincia de Lugo e Galicia para progresar”.

Os Premios AJE constitúense coma unha mostra “do talento, das ideas e das oportunidades que ten a nosa xente nova e o noso territorio”, un territorio do que o Presidente insistiu en desterrar o calificativo de baleiro: “Non hai unha provincia de Lugo baleira, nin unha Galicia baleira. Hai unha provincia de Lugo e unha Galicia chea de talento, de ideas e de oportunidades”.
Aposta polo investimento público no tecido empresarial

Do mesmo xeito, o mandatario municipal e provincial reivindicou o desenvolvemento de políticas públicas axeitadas para apoiar o potencial que as empresas teñen tanto a nivel local, coma provincial e autonómico, algo que “dende a Deputación de Lugo e dende o Concello de Monforte temos moi claro”.

Así, José Tomé subliñou o seu “apoio firme e decidido” ó sector empresarial posto que “un dos mellores investimentos que pode facer unha Administración pública é investir no talento das persoas e no fortalecemento, a diversificación e a competitividade do noso tecido empresarial. Porque empresa significa emprego, e emprego significa poder construír un proxecto vital”.

O alcalde e presidente provincial tamén recordou o compromiso permanente de colaboración co tecido empresarial das dúas administracións que xestiona, compromiso que foi especialmente intenso coa chegada da pandemia da Covid-19, momento en que dende ambas institucións se puxeron en marcha plans especiais de apoio ós sectores produtivos para axudar a paliar os efectos da crise sanitaria. “E fixémolo con recursos propios, porque as deputacións e os concellos non recibimos nin un euro extra para poder afrontar esta situación excepcional, ó contrario doutras administracións, como as comunidades autónomas, que sí recibiron cuantiosos fondos”, salientou Tomé Roca.

Na mesma liña, José Tomé destacou que o importante “é saber utilizar os recursos que temos con eficacia e con intelixencia, e neste sentido, os fondos europeos que conseguiu o Goberno de España para a recuperación e a transformación deste país son unha oportunidade histórica, que as administracións debemos aproveitar ao máximo para poñer a disposición da sociedade e da economía”.

Compromiso co desenvolvemento empresarial dende a Deputación de Lugo
O mandatario provincial resaltou a aposta que dende a Deputación de Lugo se fai polo emprendemento e polo valor engadido a través da transferencia de coñecemento ó tecido empresarial.

Neste senso, destacou que “a Deputación de Lugo é, a día de hoxe, a institución provincial de toda España que fai unha maior aportación económica á Universidade pública”.

Unha Universidade coa que a Deputación colabora en proxectos como o da Granxa Gayoso Castro, “que é un auténtico motor para un sector estratéxico para a provincia, como é o sector primario”, asegurou José Tomé.

O Concello de Monforte, co tecido empresarial
O mandatario monfortino tamén salientou o compromiso do seu Equipo de Goberno co eido empresarial, e que se traduce na posta en marcha de accións coma o Programa de fomento da iniciativa empresarial, polo que dende o Concello se conceden anualmente axudas ás empresas que xeren novos postos de traballo ou de autoemprego.

Tamén destacou a posta en marcha dende o Concello de diversos Obradoiros de Emprego o longo dos últimos anos, así como do programa Coworking Ribeira Sacra, que este ano alcanzará a súa 6ª edición e do que saen novos proxectos de negocio.

O Polígono do Reboredo, unha oportunidade de chan industrial para os empresarios
O Alcalde de Monforte tamén salientou o traballo desenvolvido dende o Goberno municipal para dinamizar e impulsar o Polígono industrial do Reboredo, “un polígono no que hai uns anos ninguén cría, do que ninguén falaba, e que dende o Concello decidimos dinamizar e desenvolver, a través dun intenso programa de promoción e dunhas melloras moi importantes”.

Así, Tomé Roca salientou a demanda crecente de chan industrial neste polígono, do que actualmente so queda 3 parcelas por vender, demanda que fai que sexa necesario amplialo, proxecto que o Concello xa ten en marcha.

E en relación coa oferta destinada a novas empresas, o rexedor municipal anunciou que xa está a piques de rematar a creación dun Viveiro de Empresas municipal neste polígono, o cal estará destinado á implantación inicial e á consolidación de novas empresas.

VIII Premios AJE en Monforte
O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación estivo acompañado neste acto pola presidenta de AJE Lugo, Noelia López López, o presidente de AJE Galicia, Luciano Covelo Fandiño, pola subdelegada de Goberno en Lugo, María Isabel Rodríguez López, polo Delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo Vicepresidente Segundo da Xunta de Galicia, Francisco Conde López, entre outras autoridades, así coma un nutrido grupo de empresarios e empresarias locais e provinciais.

Na categoría de Accésit Innovación 2021 o gañador foi INNOGANDO, na categoría de Accésit Responsabilidade Social Empresarial 2021 foi MEDRAR SMART SOLUTIONS, na categoría de Premio Xove Iniciativa Emprendedora 2021 o galardoado foi MFC.ARQ e na categoría de Premio Xove Empresario/a 2021 foi ESTATI.CO.

O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo concluíu a súa intervención felicitando ós gañadores e gañadoras desta 8ª edición dos Premios AJE Lugo, ós que lles pediu “que sigan adiante coa súa idea de negocio, con empuxe e con ilusión, para que nos axuden a configurar un tecido empresarial forte e de referencia na nosa cidade, na comarca e na provincia, que cree emprego e riqueza”.