Skip to main content
Monforte

O Escape Room do Día da Muller está tendo unha gran acollida por parte dos escolares monfortinos

Por 11 Marzo, 2022Marzo 12th, 2022Sin comentarios

Dentro do ámbito educativo para Educación Primaria estase a desenvolver, dende o pasado día 8 e ata hoxe venres 11 de marzo, un ESCAPE ROOM educativo en Igualdade de xénero, un obradoiro práctico e de traballo grupal que ten por obxectivo que o alumnado se achegue, coñeza e visibilice unha serie de mulleres de especial relevancia. A actividade vai dirixida ó alumnado de 6º de primaria e cada sesión ten unha duración de 100 minutos.

Con esta actuación preténdese que nenos e nenas traballen na promoción da igualdade e na eliminación dos estereotipos de xénero amosando mulleres fortes en todos os eidos, que souberon adiantarse ó seu tempo e rachar cos estereotipos de xénero do momento que lles tocou vivir.

A persoa encargada de levar a cabo a esta novidosa actividade, que está tendo moi boa acollida nos centros educativos, e Simón González Villanueva da empresa Territorio Comanche.

O martes 8 de marzo, foron os alumnos e alumnas de 6º de primaria do CPR Torre de Lemos e do CPR Ferroviario os que acolleron a celebración desta actividade. O mércores 9 foi a quenda do alumnado do CEIP Colexio Novo, e hoxe xoves 10 ten lugar no CPR Escolapios e no CEE Infanta Elena. Finalmente o venres 11 o Escape Room en Igualdade de Xénero visitará o CEIP A Gándara. Esta actividade financiada con cargo aos fondos transferidos pola Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género, para o desenvolvemento de novas o ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no Pacto de Estado contra a violencia de xénero para o exercicio 2021.

Escape Room en Igualdade de Xénero para todas as idades
A que é a actividade máis novidosa no programa do 8M deste ano, tamén vai dirixida a público en xeral, de todas as idades, que poderán participar en grupos de 6 a 8 persoas, e debendo os menores de 12 anos ir acompañados.

Nesta ocasión, con este “Escape Room pola igualdade” proporase ós participantes unha viaxe ó pasado para representar a vida das mulleres e homes de mediados do século XX. Para elo, recrease unha mansión daquela época na que unha personaxe disfrazada de mordomo será a encargada de introducir ós asistentes na mesma.

Nesta mansión, descubrirán que a señora da casa era unha fervente activista polos dereitos das mulleres e fiel seguidora de Clara Campoamor na súa loita polo sufraxio universal.

Os participantes nesta actividade, deberán descifrar códigos ocultos en textos como o contrato de mestras de 1923, ou o decálogo da boa esposa, para poder chegar ó futuro, ó noso tempo presente.
Ó longo da actividade, dentro da Sala amosaranse imaxes e obxectos que escenifican conceptos como a brecha salarial, a violencia de xénero e as redes sociais. Nesta viaxe descubriran o conseguido ata a actualidade pero tamén o que queda por avanzar en materia de igualdade.

O Centro Cívico Social acollerá esta actividade para grupos reducidos de 6 a 8 persoas, polo que será necesario inscribirse previamente no CIM, no 982 416 350 ou correo electrónico cim@concellodemonforte.com. A inscrición realizaranse por orde de anotación ata rematar o número de prazas dispoñibles.

O Escape Room pola Igualdade para todos os públicos terá lugar o venres 18 de marzo, en 3 sesións pola tarde, e o sábado 19 e domingo 20, con 3 sesións de mañá e 3 de tarde cada un deses días.
Dada a situación sanitaria actual pola COVID-19 tomaranse ás medidas de hixiene e sanidade tales como, redución de número de participantes, grupos pechados, aforo, uso de xel hidroalcóholico, máscaras e tempo entre grupos para desinfección e limpeza da sala.