Skip to main content
Monforte

A Praza de Abastos de Monforte acollerá a Feira de Oportunidades do CCU

Por 12 Marzo, 2022Sin comentarios

A Praza de Abastos do Concello de Monforte recupera a súa actividade, coa posta en marcha de dúas actividades mercantís que se celebrarán nas dúas últimas semanas do mes de marzo: a Feira de Oportunidades do CCU e o Mercado da Feira Medieval.

O alcalde, José Tomé Roca, destaca que “serán os primeiros mercados que acolla a Praza de Abastos, despois de dous anos sen actividade neste espazo, por mor da pandemia da Covid-19, polo que dende o Equipo de Goberno volvemos a promover e celebrar actividades comerciais neste espazo dinámico e próximo ós cidadáns”.

FEIRA DE OPORTUNIDADES DO CCU
O primeiro dos mercados, a Feira de Oportunidades do CCU, realizarase despois de dous anos sen actividade neste espazo da Praza de Abastos. Precisamente este foi o último mercado realizado antes da pandemia en marzo de 2020.

Deste xeito, a fin de semana do sábado 19 e domingo 20 de marzo, o Mercado da Praza de Abastos estará aberto cunha nova edición da Feira de Oportunidades do CCU, na que participarán establecementos comerciais de Monforte das áreas da moda, o calzado, a decoración, complementos, óptica…, que ofrecerán os seus excedentes desta tempada a moi bos prezos.

O horario será de mañá e tarde; o sábado 19, de 10.00 a 14.00 e 17.00 a 20.30 horas e o domingo 20 de 11.00 a 14.00 e 17.00 a 20.30 horas.

O alcalde destaca que “a gran afluencia de público das edicións anteriores, avalan a realización deste tipo de mercados de apoio ó comercio local e tamén serven de estímulo para que os clientes realicen as compras na súa localidade, e adquiran conciencia da importancia económica e social de mercar nas tendas de proximidade”.