Skip to main content
Monforte

Monforte de Lemos apoiará ao pobo ucraíno cunha axuda de 28.000 euros

Por 15 Marzo, 2022Marzo 16th, 2022Sin comentarios

O alcalde, José Tomé Roca, anunciou este luns o envío urxente de axuda económica ó pobo ucraíno para colaborar fronte á grave crise humanitaria que a brutal invasión rusa está provocando no leste de Europa.

“Ante a situación extraordinaria que está a vivir o pobo ucraíno pola brutal e inxustificada invasión do territorio de Ucrania por parte do exército ruso, vulnerando a súa soberanía a Xunta de Goberno Local, estima que é conveniente manifestar o apoio ao pobo ucraíno e, á vez que se realizan actos de manifestación de repulsa contra dita invasión estima é preciso a implantación de actuacións concretas para paliar, na medida do posible, a extrema situación de necesidade, que están a vivir”, salientou o alcalde.

O mandatario monfortino explicou que a institución levará a cabo de xeito inminente as accións de cooperación a través dunha das entidades que o Goberno de España estableceu para canalizar a colaboración con Ucraína, como é a Cruz Vermella Internacional.

Deste xeito, en acordo adoptado por unanimidade este luns en Xunta de Goberno, decidiuse que o Concello de Monforte aporte de maneira inmediata unha axuda económica directa e inmediata por importe de 10.000 euros, así como a adquisición de material de primeira necesidade por importe de 18.000 euros, que se canalizarán a través da Cruz Vermella Internacional, entidade que xestiona, en coordinación co Goberno de España, as axudas humanitarias.

“Sabemos que a día de hoxe a prioridade é axudar á poboación civil nestes momentos nos que atravesan situacións tan difíciles, e sabemos que a mellor forma de facelo é en colaboración coas entidades que están no territorio, como é o caso de Cruz Vermella”, asegurou o Alcalde.

Tomé Roca destaca a “absoluta implicación do Concello de Monforte co pobo ucraíno”, e remarca que a institución que dirixe adopta esta medida porque ante “esta tremenda catástrofe, tan inxusta, temos que amosar a solidariedade dos veciños e veciñas da provincia co pobo ucraíno”. Salienta, ademais, que a coordinación con Cruz Vermella, como unha das entidades establecidas polo Goberno de España para canalizar as axudas, é a vía máis rápida e eficaz para que a nosa colaboración chegue aos ucraínos e ucraínas”.