Skip to main content
MonforteO Saviñao

230.000 euros para a mellora da LU-P-3202 que conecta Monforte de Lemos con Currelos

Por 19 Marzo, 2022Sin comentarios

A estrada LU-P-3202, que conecta Monforte de Lemos con Currelos, no concello do Saviñao está a sofrer traballos de mellora a cargo da Deputación de Lugo. Unhas actuacións nas que a institución provincial inviste máis de 230.000 euros para a renovación e mellora desta estrada provincial.

Con este proxecto, a Deputación actuará no conxunto da estrada dende o quilómetro 0 ao 24 con tarefas de limpeza de cunetas, drenaxe e substitución da sinalización vertical. Ademais, botará aglomerado entre o quilómetro 0 ao 0,455 e do 0,770 ao 3,070.

Estas actuacións benefician de xeito directo os veciños e veciñas destes dous municipios da Ribeira Sacra, pero tamén os do conxunto da comarca que se desprazan a diario por esta estrada.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, salienta a importancia destes traballos e recalca que “a mellora das comunicacións é unha prioridade para o Goberno”. Detalla, así mesmo, que “defendemos a mobilidade como un dereito básico dos veciños e veciñas da provincia porque cremos que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar os servizos”. A institución provincial destina 17,3 millóns de euros dos seus orzamentos para o 2022 ás tarefas de mellora do firme, roza de maleza, conservación e mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.

INVESTIMENTO DE 600.000€ NESTA VÍA
A Deputación tamén ten en execución a mellora doutro tramo desta vía por un importe que ascende a 133.100 euros para actuar do quilómetro 6,9 ao 10,4. Nestas obras a institución xa limpou as cunetas e procederá ao estendido do aglomerado en quente nas vindeiras semanas.

Pola súa banda, executou outras obras de mellora nesta vía no treito que vai dos puntos quilométricos 4 ao 6,8, cun investimento de 133.100 euros, e tamén no treito que vai dos puntos 2,6 ata o 4,4, ao que destinou 106.000 euros.

Entre as obras xa acometidas e os dous proxectos que están en execución a día de hoxe, a Deputación leva destinado a esta estrada tan importante para a zona sur da provincia un total de 600.000 euros.