Skip to main content
Monforte

O Concello de Monforte organiza tres concursos arredor da XVIII Feira Medieval

Por 23 Marzo, 2022Marzo 25th, 2022Sin comentarios

Dende o día de onte, 22 de marzo xa se pode apuntar toda aquela persoa que estea interesada en participar nalgún dos tres concursos que convoca o Concello de Monforte arredor da XVIII Feira Medieval. Poderá facelo ata o 12 de abril no Rexistro Xeral do Concello. A Feira Medieval celebrarase o 16 e 17 de abril de 2022.

Tras convocar a principios do mes de febreiro o concurso de axudas para a confección de traxes medievais, o Equipo de Goberno convoca, como en pasadas edicións, tres concursos co obxectivo de animar ós monfortinos e visitantes a implicarse na Feira Medieval e ser protagonistas activos da mesma. Para estes tres concursos, o Concello destina máis de 2.000 euros en premios.

“Coa convocatoria destes concursos e coa organización da Feira Medieval, na que xa estamos inmersos, seguimos levando adiante as actividades propias do calendario de eventos anual do noso Concello, cumprindo así co noso compromiso de volver a recuperar a normalidade fronte a covid-19, sempre que sexa posible segundo evolucionen as circunstancias determinadas pola pandemia”, recordou o rexedor monfortino.

VI CONCURSO DE DECORACIÓN DE BALCÓNS
O obxectivo deste concurso é premiar os tres mellores balcóns que polo seu enxeño e ambientación medieval merezan a consideración do xurado, e así incentivar os monfortinos e os visitantes á participación e á ambientación nos actos organizados con motivo da Feira Medieval.

Neste concurso poderán participar todos os balcóns sitos na cidade de Monforte. Tanto a temática como o deseño da decoración dos balcóns será acorde coa época medieval. Os balcóns participantes deberán de estar ambientados acorde coa época medieval como mínimo do 14 ó 17 de abril de 2022.

Este concurso determinará 3 gañadores: o primeiro clasificado recibirá 100 euros, o segundo 75 e o terceiro 50 €.

A decisión do xurado sobre os 3 gañadores do concurso de balcóns farase pública o sábado 16 de abril ás 19.30 horas na propia Feira Medieval. Para elo, os seus membros valorarán a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade e os materiais utilizados na decoración dos balcóns.

VII CONCURSO DE DECORACIÓN DE ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS E HOSTALEIROS
O obxectivo deste concurso é premiar os tres mellores establecementos que polo seu enxeño e ambientación medieval merezan a consideración do xurado, e así incentivar os monfortinos e os visitantes á participación e á ambientación nos actos organizados con motivo da Feira Medieval.
Neste concurso poderán participar neste concurso todos os establecementos comerciais e hostaleiros sitos na cidade de Monforte. Tanto a temática como o deseño da decoración dos balcóns será acorde coa época medieval. Os establecementos comerciais participantes deberán de estar ambientados acorde coa época medieval como mínimo do 14 ó 17 de abril de 2022.

Este concurso determinará 3 gañadores: o primeiro clasificado recibirá 200 euros, o segundo 100 euros e o terceiro 75 euros.

A decisión do xurado sobre os 3 gañadores do concurso de balcóns farase pública o sábado 16 de abril ás 19.30 horas na propia Feira Medieval. Para elixir aos gañadores, o xurado terá en conta a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade, os materiais utilizados e a adecuada conxunción dos artigos comerciais do escaparate coa decoración medieval.

IX CONCURSO DE TRAXES MEDIEVAIS
O obxectivo deste concurso é premiar os mellores traxes medievais que luzan os participantes inscritos, e así incentivar tanto nos monfortinos e nas monfortinas, coma nos visitantes, a súa participación e á ambientación nos actos organizados con motivo da Feira Medieval.

Esta actividade realizarase dentro do programa de actos da XVIII Feira Medieval o día 16 de abril de 2022.

As modalidades e premios do Concurso de Traxes Medievais son as seguintes, entendendo por infantil ata os 12 anos.
A modalidade Adultos individual será premiada o primeiro posto con 75 euros e o segundo con 50 euros. As parellas estarán formadas por dous compoñentes sento o primeiro premio de 175 euros e o segundo de 125. Mentres que os grupos terán que ter un mínimo de 5 compoñentes, o primeiro premio será de 275 euros e o segundo de 175.

Na modalidade infantil, o primeiro premio individual será de 50 euros e o segundo da metade. As parellas levarán un primeiro premio de 100 euros e un segundo de 75. Mentres que os grupos serán premiados se quedan primeiros de 175 euros e se quedan de segundos con 125 euros.

Os participantes no concurso concentraranse na Praza de España (a carón do Cruceiro) onde estará situado o xurado, ás 17.00 horas do sábado 16 de abril e de alí sairán en desfile por diferentes rúas monfortinas.

A decisión do xurado sobre os 3 gañadores do concurso de balcóns farase pública o mesmo sábado 16 de abril ás 19:30 h na propia Feira Medieval.

Os gañadores serán determinados en función de que os seus traxes foran realizados artesanalmente, da súa elaboración, da riqueza en complementos, da posta en escena, do material utilizado e do seu rigor histórico. Tamén se valorará a permanencia do participante co traxe posto durante os actos organizados durante a Feira Medieval, contribuíndo á animación do mercado coa súa presenza.

Os aboamentos dos diferentes premios serán tramitados polo Concello de Monforte de Lemos, a través dunha transferencia bancaria. Previamente será necesario a presentación do certificado bancario cun número da conta do titular e xustificación nos termos sinalados nestas bases.

Non poderá realizarse o pagamento do premio mentres o beneficiario non se atope ó corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias ou coa seguridade social ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.