Skip to main content
Monforte

Xornada de concienciación e formación sobre a seguridade no tractor en Monforte

Por 28 Marzo, 2022Marzo 29th, 2022Sin comentarios

A Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), está a desenvolver actividades formativas en centros de Formación Profesional das catro provincias galegas para concienciar sobre o uso seguro do tractor. O Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Monforte acolle hoxe a actividade que ten como obxectivo dar a coñecer entre o alumnado as principais medidas de prevención, así como trasladar a necesidade de adoitar as precaucións necesarias. A formación impartirase entre as 10.00 horas e as 12.00 horas e repetirase o mércores no mesmo centro e no mesmo horario.

A campaña parte da idea de sensibilizar desde a base, aos futuros profesionais das explotacións, sobre a necesidade de facer un uso seguro desta maquinaria e provela de estruturas de protección e cintos de seguridade.

Segundo datos do Observatorio Estatal de Condicións de Traballo (OECT) do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) o principal axente material asociado aos accidentes en xornada laboral na actividade agrícola e gandeira é o tractor. O envorco é unha das causas que poden desembocar nas consecuencias máis graves e mesmo mortais se non se toman as medidas apropiadas de seguridade.

Durante o ano pasado (datos provisionais) rexistráronse en Galicia 82 accidentes laborais de tractor, 2 deles mortais e a maioría, o 90% de tipo leve. Na provincia de Lugo houbo 35 dos que 33 foron leves e dous graves.

Os accidentes de maior gravidade débense principalmente a ausencia de estrutura de protección e de cinto de seguridade. Tamén a unha nula ou incorrecta utilización destes sistemas dos que veñen provistos os tractores.

O Plan nacional de sensibilización en prevención de riscos laborais no sector agrario, no que se enmarca esta campaña, pretende concienciar sobre o envorco do tractor co lema A túa vida, sen voltas. O Issga contribuíu ao seu deseño como integrante do grupo de traballo da Comisión Nacional que elaborou o plan.

A iniciativa súmase ás numerosas campañas despregadas polo Issga nos últimos anos para concienciar, sobre todo á poboación rural, tamén á non profesional, para que incorpore as medidas de prevención no manexo do tractor para evitar accidentes na súa contorna e de circulación nas vías públicas.