Skip to main content
Pantón

Os socialistas de Pantón denuncian que o centro de saúde contou cun só médico

Por 25 Marzo, 2022Sin comentarios

A Agrupación Socialista de Pantón denuncia os constantes incumprimento do PP e do Alcalde en relación ás novas prazas de médico no centro de saúde. Así o advertiron, tras comprobar novamente que o pasado de 22 de marzo só estaba exercendo un facultativo no centro médico. “Demandamos á Conselleira de Sanidade e ao Alcalde unha solución para que se cubra a praza e non seguir desatendidos”, sinalan.

Por iso emprazan ao Alcalde a mellorar a calidade médica da nosa veciñanza. “Non podemos consentir que haxa un só medico para atender a preto de 2.500 veciños e veciñas. Non se pode vivir do conto e dos anuncios mediáticos anunciando que hai tres médicos no centro de saúde, e despois comprobamos que lamentablemente só hai un. E temos que dicir que esta situación non é a primeira vez que acontece e tampouco será a última”, replican dende o PSdeG.

Por todo isto, a Agrupación Socialista amosa a súa fonda preocupación “por estes recortes que nos parecen gravísimos”, e tamén porque unha vez máis “comprobamos que non se cumpren as promesas realizadas tanto pola Conselleira de Sanidade como pola propia Alcaldía, nas que remarcaron que se ían manter as tres prazas de médico asignadas en Pantón”, insisten.

“Necesitamos uns servizos públicos dignos e de calidade para poder vivir e traballar no rural. Un concello como o noso non pode permitirse o luxo de prescindir dun médico, e cada día que falte un sanitario imos a denuncialo publicamente para que se atendan as nosas demandas. É de xustiza”, din os socialistas.