Skip to main content
A Pobra do Brollón

O primeiro furancho da Ribeira Sacra estará na Pobra do Brollón

Por 25 Marzo, 2022Sin comentarios

Abril é o mes escollido polo colleiteiro Pedro Pérez González para a apertura dun furancho na súa vivenda de Trasmonte, Vilachá de Salvadur.

O Concello da Pobra do Brollón puxo en marcha esta posibilidade a través dunha ordenanza municipal en vigor dende xaneiro, co obxectivo de ofrecer a viticultores coma Pedro a venda directa do seu excedente.

Pedro, de 60 anos de idade, cumpre perfectamente este perfil de viticultor arribeirado. Criado en Trasmonte na tradición da viticultura do patao, a súa vida profesional tirou por outros carreiros, principalmente a construción, mais sempre mantendo as viñas da casa.

Unha actividade non profesional que agora ten a oportunidade de dar uns rendementos económicos, ou cando menos non xerar perdas. “Non podemos pretender que a ribeira sexa mantida pola paixón de viticultores que traballan a perdas ou malvenden a uva ás adegas,” sinala Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón.

O FORMATO
Os furanchos son establecementos regulados que ofrecen produtos moi definidos en períodos determinados do ano.

A apertura do furancho será en abril ata o final do mes de xuño aínda que “se temos viño abondo poderemos pedir unha prórroga para o mes de xullo,” comenta Pedro Pérez, propietario do furancho.

Os furanchos só poden vender os excedentes de viño e as tapas estipuladas na ordenanza. “O viño que fago para min é o que se vai poñer no furancho,” engade Pedro. En canto ás tapas, destaca a empanada: “Na nosa casa sempre se coceu a empanada no forno de leña. Queremos que quen veña ao furancho goce dese tipo de produto, familiar e tan noso”.