Skip to main content
Quiroga

O Camiño de Inverno será acondicionado no seu paso polo núcleo dos Novais, en Quiroga

Por 25 Marzo, 2022Sin comentarios

O Camiño de Inverno será acondicionado no seu paso polo núcleo dos Novais, en Quiroga. Esta actuación corre a cargo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ás que destina 55.400 euros.

Esta actuación enmárcase no plan Hurbe, que ten por obxectivo a posta en valor das vilas e dos núcleos rurais contribuíndo a crear as condicións propicias para o seu desenvolvemento sostible. Neste caso, o treito do Camiño que se reforma coincide coa rúa principal dos Novais, sumando aproximadamente 300 metros de lonxitude entre o inicio e a fin da delimitación do núcleo rural.

A intervención consistirá na mellora e embelecemento da vía, cambiando o actual pavimento de formigón por outro de formigón tratado con acabado de árido visto, que utilizará materiais de proximidade para harmonizar coas tonalidades e texturas da pedra do lugar. Na selección dos materiais tivéronse en conta tamén cuestións como a súa idoneidade para a circulación de vehículos e boa resistencia e durabilidade.

O prazo previsto de execución é de dous meses, e os traballos incluirán a vertedura do formigón in situ sobre unha superficie encofrada e o acabado texturizado que elimina a capa superior de cemento, deixando á vista os áridos. Non terá pezas nin elementos soltos, senón que será compacto, duro, estable e antideslizante en seco e en mollado.