Skip to main content
O Incio

A cesión dun local máis céntrico á Garda Civil será o punto principal do vindeiro pleno do Incio

Por 26 Marzo, 2022Marzo 27th, 2022Sin comentarios

O pleno que terá lugar o vindeiro martes 29 no Concello do Incio someterase a votación a cesión a Garda Civil dun local que se atopa localizado entre a casa do Concello e o antigo mercado gandeiro para que as forzas de seguridade instalen aí a súa sede deixando libre a vivenda de porpiedade municipal que ocupan na actualidade. Esta cesión suporía unha mellor localización para a garda civil dado que as instalacións son máis céntricas.

Se se deixa libre a vivenda de propiedade municipal que ocupan agora os gardas civís, esta podería destinarse a acoller refuxiados, a outra necesidade do Concello ou poderíase poñer a venda.

Este acordo sería positivo e favorable tanto para o Concello como para a Garda civil e os veciños do Incio, xa que ao atoparse máis céntricos terían máis visibilidade e facilitaría o acceso aos veciños.

A Benemérita conta cun posto auxiliar que depende do cuartel de Sarria ao que asiste dúas veces por semana. O posto actual da Garda Civil está na Rúa Rodeiro nas inmediacións do centro de saúde dende hai 20 anos. E, despois das conversas que mantiveron os cargos da Garda Civil e o alcalde do Incio, Héctor Corujo, plantexaron a posibilidade de trasladarse a un pequeno edificio localizado no centro da vila que foi empregado como lugar da brigada de incendios ou oficina do programa Río Lor.

O primeiro paso para materializar o traslado é a aprobación da cesión das instalacións no próximo pleno o día 29, tras este, terá que ser aprobado dende Madrid. Se se fai efectivo, o uso destas oficinas será de carácter indefinido despois dunha pequena remodelación que permitan adaptar as dependencias a súa nova utilidade.

O Concello ten baixo a súa propiedade seis vivendas na Rúa Rodeiro, unha delas inclúese nos orzamentos municipais xa que a previsión era a súa venda mediante poxa pública co fin de fixar poboación na vila e sumar entre 35.000 e 40.000 euros aos orzamentos municipais. Aínda que polo de agora este proxecto mantense paralizado por se fose necesario o seu uso na acollida de refuxiados ucraínos.