Skip to main content
Láncara

A Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, visitou a Aula Mentor de Láncara

Por 17 Marzo, 2022Marzo 18th, 2022Sin comentarios

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, animou aos veciños e veciñas de Láncara a aproveitar a oportunidade de mellorar a súa formación que lles brindan o Concello e Goberno co amplo programa de formación que ofrece a Aula Mentor. A subdelegada efectuou unha visita, acompañada polo alcalde, Darío Piñeiro, e polo concelleiro e deputado provincial Pablo Rivera, ás instalacións da nova Aula Mentor, a primeira que entra en servizo na comarca de Sarria.

Isabel Rodríguez felicitou ao alcalde de Láncara pola súa iniciativa que lle permite ao Concello de Láncara sumarse a un programa de formación online non regrada para persoas adultas do Ministerio de Educación e Formación Profesional. Destacou que Láncara é o primeiro concello de comarca que se adhire a este programa no que xa participan oito concellos da provincia de Lugo.

A subdelegada explicou que a Aula Mentor, que está situada na Biblioteca municipal de Láncara, é unha iniciativa promovida polo Ministerio de Educación e Formación Profesional que ofrece formación online non regrada, flexible e con titorización persoalizada. Está destinado a maiores de 18 anos e conta con un catálogo de máis de 170 cursos clasificados por áreas formativas cos que ampliar as competencias persoais e profesionais.

O Ministerio de Educación convoca cada ano axudas a entidades locais destinadas ao mantemento das aulas. O Concello de Láncara obtivo unha axuda de 4.000 euros para a creación da súa Aula Mentor e a colaboración entre as dúas institucións quedou regulada nun convenio asinado o pasado verán.

Ao sumarse a esta iniciativa que funciona en toda España, os veciños e veciñas de Láncara poden acceder a formación online, tanto desde o seu domicilio como en cinco ordenadores que pon á súa disposición o Concello na Biblioteca municipal.

A través da Aula Mentor pódese obter formación en áreas como informática e internet, ofimática, deseño e autoedición, deseño web, medios audiovisuais, redes e equipos informáticos, instalación e control, programación, educación, emprendedores, saúde, entre outras.

Os cursos teñen validez oficial e unha vez superados obtense un certificado de aproveitamento emitido polo Ministerio de Educación e Formación Profesional. O custe dos cursos é de 24 euros mensuais e a duración depende do tempo que lle dedique cada estudante, xa que se trata dunha formación a distancia e flexible.

O prazo de matrícula está aberto todo o ano, salvo o mes de agosto, agás os cursos Cisco e os de Formación do Profesorado, para os que hai datas concretas.

En Láncara, a Aula Mentor acaba de poñerse en marcha, unha vez formada a persoa responsable do asesoramento e orientación dos alumnos, así como da xestión das matrículas nos distintos cursos.