Skip to main content
Paradela

A Residencia de Maiores de Paradela ten o cupo cuberto e conta con lista de espera

Por 14 Marzo, 2022Sin comentarios

Na Residencia de Maiores de Paradela teñen na actualidade 24 usuarios. Isto supón que tódalas prazas están cubertas. Para optar a unha praza é necesario apuntarse na lista de espera, tendo preferencia as persoas que sexan do Concello de Paradela.

Os 24 usuarios desta residencia participan nos programas de intervención que levan a cabo no centro ao longo do ano. As actividades están orientadas a un envellecemento activo. Ademais, procuran que ditas actividades se desenvolvan no exterior do centro para que poidan relacionarse coa contorna e participar activamente na sociedade. Debido á situación sanitaria, as actividades víronse moi minguadas.

O programa de acollida da persoa no momento do ingreso e seguimento realízano coa finalidade de que a persoa senta acollida no seu novo fogar, cada vez que unha persoa chega á residencia por primeira vez fáiselle unha acollida que consiste en recibir todos os documentos, valorar relacións sociais e familiares. Infórmaselles de todos os servizos dos que vai dispoñer e se ten algunha dúbida para resolver. Tamén se realiza un estudo da situación social e as súas necesidades, foméntase a personalización e a intimidade dos residentes no centro.

Conta cun programa de estimulación cognitiva que se encarga de traballar a orientación á realidade, reminiscencias, atención e praxias, linguaxe/ lectoescritura, memoria, cálculo e funcións executivas, co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida, potenciar autonomía, manter as capacidades mentais o máximo tempo posible, evitar reaccións psicolóxicas anómalas, diminuír ansiedade e confución, evitar que desconecte do mundo, estimular identidade propia e capacidades mentais superiores.

O programa de psicomotricidade, gerontogimnasia e exercicio físico é onde os usuarios traballan as diferentes partes do corpo e da mente. Axuda a tomar conciencia dos movementos que é capaz de realizar con cada segmento corporal achegándolle seguridade en si mesma e aumentando a súa autoestima.

Ademais, tamén realizan paseos dentro e fóra do centro, talleres de relaxación que axudan a mellorar o seu estado anímico, programas de lecer que inclúen diferentes xogos, manualidades, obradoiros de cociña e talleres de AVDs que se encargan de manter as capacidades o maior tempo posible, así como de adquirir novos coñecementos acerca das tarefas diarias.

Nas diferentes festividades, os usuarios realizan actividades relacionadas coas mesmas. Por iso, no entroido escoitan música e preparan comida tradicional da época, no San Xoán celebran un baile e merenda no xardín, no magosto preparan as castañas e no Nadal decoran o centro e celebran eses días especiais.