Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Entrevista: “O maior logro foi crear un ambiente saudable no que todos nos levamos ben e desfrutamos”

Por 6 Marzo, 2022Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Adrián Muñoz, adestrador e socio fundador, xunto co seu pai de AMR Tenis Sarria

Como naceu o club?
Naceu a partir dun soño que tiñamos meu pai e eu. Desde que eu era pequeno, cando tiña 9 anos empecei a dar os meus primeiros pasos cunha raqueta de tenis. Acórdome perfectamente que íamos os dous ás pistas municipais de Sarria e pouco a pouco fun evolucionando e empecei a competir. Máis adiante cando collín un bo nivel comecei a miña andadura como xogador nos campionatos galegos e unha vez cumpridos os 18 anos, decidín dar un paso máis neste mundo do tenis e inicieime dando as primeiras clases en Sarria. Tiña un par de rapaces e rapazas aos que lles ensinaba todo o que tiña aprendido. A raíz de aí descubrín a miña faceta como adestrador e comecei a dar clases noutros centros e clubs de Lugo. Aí descubrín que me gustaba formar a nenos desde a base, desde máis pequenos ata adultos tamén. Con esta experiencia previa xurdiu a idea de formar un club, con instalacións propias, ter os nosos propios alumnos e formar un club para nós.

Como sobrevive un club destas características?
A verdade é que con moito traballo e esforzo xa que empezamos dende o máis abaixo que se pode empezar. Nós a día de hoxe traballamos con instalacións prestadas polo Concello e cando comezamos non tiñamos absolutamente ningún alumno. Movéndonos polos colexios, con extraescolares foron saíndo pouco a pouco nenos. O primeiro ano foi bastante complicado porque cando se ten pouca xente é máis difícil crecer, sobre todo cando non é unha actividade moi coñecida en Sarria onde nunha houbo un club que forme nenos desde a base. Antigamente había un club que se dedicaba máis a competir e representar o club de Sarria en campionatos galegos sen que houbese unha base feita. A verdade é que con moito traballo e marcando obxectivos foron conseguíndose pequenos pasos.

Para que idades son as actividades?
O tenis non ten unha idade limite, nós recomendamos sempre, se son nenos, que se comece con 4 anos, cando xa están máis formados e teñen un mínimo de forza coa que poder manexar a raqueta. E, de aí, para arriba, tanto calquera idade xuvenil como adulta. Non temos un límite de idade realmente.

Cales son os obxectivos a conseguir este ano?
O obxectivo principal que temos sempre é que todos os nosos alumnos e persoal que temos no club se divirtan, que o pasen ben, que aprendan e que estean nun ambiente saudable. Despois o obxectivo do club no 2022 é chegar a ter máis socios, chegar a 50 socios sería o ideal. Seguir crecendo pouco a pouco como club para ter unha boa base e a raíz diso comezar a facer máis cousas e actividades para a xente, co fin de que teñan outra actividade máis na localidade de Sarria.

A maiores, deportivamente falando, temos a varios rapaces competindo en campionatos por toda Galicia, puxemos en marcha o equipo absoluto que competirá no campionato galego absoluto por equipos e eses son a priori os nosos obxectivos principais para este ano 2022.

Que a escola siga avanzando, que os nenos sigan progresando e tendo nivel e que pouco a pouco vaiamos tendo máis nenos en competición.

Cales son os valores fundamentais do club?
Nós solemos recalcar moito sobre os nosos alumnos que o tenis non só é un aprendizaxe deportivo senón que tamén é un aprendizaxe para a vida mesma. Ao fin e ao cabo o tenis é unha actividade á que te vas adicar temporalmente. Polo que intentamos inculcar valores fundamentais como o respecto polos compañeiros, polos profesores. Axudamos a conformar nocións coas que se saiban comportar en calquera situación da vida. Ademais, recalcamos que é moi importante a humildade. Que saiban de onde veñen, onde comezaron, que se esforcen cada día por conseguir os seus obxectivos, que melloren cada día, non só como tenistas senón como persoas. Pero sobre todo influímos moito no compañeirismo, que sexan amigos e se axuden os uns aos outros.

Tamén intentamos que comprendan que este é un esforzo que fan os seus pais economicamente, xa que moitas veces os nenos non o teñen en conta e gústanos transmitirlles que tamén supón un traballo por parte dos pais.

Que principios move aos deportistas?
O tenis, a parte boa que ten é que ao ser un deporte individual os nenos séntense máis protagonistas e están máis tempo en acción. É un deporte que non ten paradas, todo o tempo se está activo, isto é algo que chama a atención. Os nenos que son moi activos gústalles moito este tipo de deporte individual comparado cunha actividade grupal como pode ser o fútbol, o baloncesto, o balonmán ou calquera deporte colectivo. Isto é algo que move máis a ese tipo de nenos.

Cal é o maior logro do club?
En apartados deportivos somos un club demasiado actual, estamos nunha fase demasiado inicial como para ter logros deportivos. Para min, o maior logro que puidemos conseguir é formar unha pequena familia coas persoas que somos actualmente, ter un ambiente saudable no que todos nos levamos ben e desfrutamos desta afección.

Cal é o maior desafío ao que se enfrontou o club?
Ter unhas instalacións propias para nós. Como xa comentei, a día de hoxe traballamos en instalacións prestadas polo Concello e o noso obxectivo a largo prazo é ter unhas instalacións propias. Queremos ser o primeiro club da comarca de Lugo en ter instalacións de terra arxila, xa que na provincia non hai ningún club que teña ese tipo de cancha. Gustaríanos a largo prazo poder montar un club con ese tipo de características e poder abrir outros apartados como a preparación física, cun ximnasio para os deportistas e poder abrir outros campos no mundo da raqueta como poden ser o pádel, o bádminton, o ping pong, abrir as posibilidades. Ese é o maior desafío ao que nos enfrontamos.

Como está a afrontar a situación que xera a Covid 19? En que afectou?
A situación da Covid é unha situación que nos afectou a todos, a todas as actividades a nivel deportivo como calquera outro ámbito. O tenis ao ser un deporte individual, ao poder manter as distancias, salvouse un pouco con respecto a outros deportes pero tamén afectou á larga. Estábamos en varios colexios dando extraescolares, en campamentos de verán, actividades que facíamos en época estival e todo ese tipo de actividades tivéronse que suspender ou limitar. Temos a esperanza de que pouco a pouco esta situación vaia pasando e se poidan volver a realizar este tipo de actividades.

Cantos deportistas ten na actualidade?
A día de hoxe contamos con case 40 deportistas entre extraescolares e a escola.

Que actividades realiza a maiores dos adestramentos e competicións?
A parte dos adestramentos e as competicións, o club organiza campamentos de verán e nos colexios ofrecemos a actividade a aqueles nenos que aínda non coñecen o tenis. Esta é a maneira de que a xente nos coñeza e saiba como traballamos.

Hai moita demanda de tenis en Sarria?
A demanda non é moi alta a día de hoxe, nós empezamos de cero, non é un deporte moi practicado e quizais este foi o maior hándicap que tivemos ata o momento, entón este é o campo no que estamos a traballar a día de hoxe, dar a coñecer esta actividade e que a xente de Sarria saiba o que é o tenis e que os nenos e adultos teñan esa posibilidade.

De onde son os alumnos? Sarria ou arredores tamén?
A maioría dos alumnos son de Sarria. Hai alumnos de Monforte de Lemos, xente que ven de Lugo e nalgunha época do verán viñeron doutros lugares de España como Madrid, Barcelona e incluso Ibiza. Isto foi a raíz de familiares que tiveron pola zona de arredor de Sarria e que finalmente se puxo en contacto con nós.

Existen máis clubs que se dediquen a este deporte?
A día de hoxe somos o único club de tenis que hai na comarca de Sarria. Hai outros clubs de pádel pero de tenis non.

Cales son os vosos puntos fortes?
A sinxeleza, a transparencia o trato coa xente. Ao final gústanos que toda persoa que pase polo club se sinta cómoda e a gusto como na súa casa. A proximidade é un valor fundamental.

Anécdotas destacadas?
Fai xa un par de anos cando eu comecei a dar clase, con 18 anos, un rapaz veu a preguntarme si daba clases de tenis porque estaba interesado, comezou a adestrar e resultou ser un rapaz con moito talento ao que lle gustaba moito o tenis, pasamos moito tempo xuntos, empezou a mellorar moi rápido e, pasado o tempo, eu chamábao para xogar algunha vez, xa que en Sarria, ao ser a demanda moi baixa ,eu tamén precisaba adestrar para poder competir, polo que digamos que esa persoa pasou de ser o meu alumno a ser un dos meus mellores amigos. Foi unha relación que mellorou moito co tempo, fúmonos coñecendo, temos os noso piques porque eu son fan de Nadal 100% e o outro rapaz é súper fan de Federer e digamos que foi así a anécdota máis destacada que recordo.