Skip to main content
Sarria

‘Libre coma os paxaros’ estará mañá 11 de marzo en Sarria

Por 10 Marzo, 2022Marzo 11th, 2022Sin comentarios

A obra teatral “Libre coma os paxaros” de Teatro do Atlántico estará en Sarria o vindeiro 11 de marzo ás 20.00 horas. Esta obra, artellada en base a textos da propia Rosalía de Castro, forma parte do programa posto en marcha pola área de Cultura da Deputación de Lugo o pasado 23 de febreiro, co que puxo a disposición de concellos e asociacións diversas propostas culturais sobre a figura e obra da poeta.

Houbo moito interese por parte de concellos e asociacións acolleron as propostas formuladas desde a área de Cultura arredor de Rosalía e especialmente por esta obra teatral que guía aos espectadores pola súa literatura e pensamento, constatando a súa vixencia. Dende a Deputación configuraron o calendario procurando que a obra se represente nas distintas comarcas e apoiando a consolidación dunha oferta cultural en galego, baseada en referentes culturais propios, que chegue a todo o público.

“Libre coma os paxaros”: dramaturxia sobre textos de Rosalía A base fundamental para a elaboración da posta en escena do espectáculo, dirixido por Xulio Lago, son os propios textos de Rosalía de Castro -poesía, artigos, prosas, lieders- que permiten transitar polo pensamento da autora e polo seu compromiso diante dos conflitos e acontecementos presentes na sociedade do seu tempo.

Follas Novas, Cantares Galegos, La Flor, En las orillas del Sar, Las Literatas, A mi madre, xunto cos prólogos, noticias da prensa do seu tempo, e datos extraídos de publicacións e documentos presentes na obra de diversas estudosas e estudosos da vida e da obra da autora conforman o conxunto biobibliográfico do que foi extraído o material que configura o espectáculo.

É a propia Rosalía de Castro, interpretada por María Barcala, a que desde o escenario, cos código propios do teatro, establece a comunicación co público, mostrándose como unha muler en loita a prol da igualdade entre homes e mulleres, contra a violencia de xénero, que denuncia a desigualdade social e os atentados contra o equilibrio ecolóxico ou o drama da emigración. A posta en escena complétase coa iluminación de Antonio Simón e a música de Vadim Yukhnevich.

A obra manterase en xira polas comarcas da provincia durante os meses de marzo e abril.

PROGRAMA SOBRE ROSALÍA
Ademais de “Libre coma os paxaros”, dentro da programación sobre Rosalía, a Deputación ofrece aos concellos e asociacións a montaxe para público familiar “A viaxe de Rosalía”, de Larraitz Urruzola, e a realización de murais homenaxe a autora en centros educativos e espazos públicos, a cargo dos muralistas Rubén Paz, Ana Santiso e Pablo Lage, coñecido como Van Kraft. Nos próximos meses, tamén viaxará pola comarcas a exposición “A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía”, agora exposta na Praza de San Marcos de Lugo.