Skip to main content
Comarca TERRACHÁXA

A muller foi a protagonista da xornada en moitos concellos

Por 9 Marzo, 2022Sin comentarios

A Vicepresidencia lanza o proxecto “De muller a muller” con reflexións de medio cento de mulleres do rural sobre o camiño a andar para a igualdade real.

O Concello das Pontes fixo unha declaración con motivo do 8M na que estivo presente o alcalde, Valentín González Formoso, concelleiros e concelleiras da corporación municipal, persoal municipal e axentes sociais do municipio.

Nesta declaración, o concello das Pontes amosou o seu compromiso coa erradicación da violencia de xénero, o fin da precariedade laboral e a brecha salarial, a defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, a abolición da trata de persoas con fins de explotación sexual na procura dunha sociedade paritaria e participativa na que as mulleres ocupen o lugar que lles corresponde por dereito; unha sociedade que trate ás mulleres como persoas libres para tomar as súas propias decisións.

Coloquio vídeo 8M, 8 Mulleres do Concello de Outeiro de Rei

O Concello de Outeiro de Rei levou a cabo a presentación do vídeo 8 M, 8 Mulleres Concello de Outeiro de Rei na Casa da Cultura de devandito concello, con motivo da celebración do Día da Muller.

A presentación estivo presidida polo alcalde, José Pardo Lombao e a concelleira de Servizos Sociais, Mª José Martínez Vigo, tamén das protagonistas do vídeo e de Irene Vila Modia da empresa Bulebule, realizadora deste traballo.

Tamén participaron no coloquio: Sandra Blanco, creadora de contido en redes sociais de Santa Isabel; Eva Castro, traballadora do servizo de axuda a domicilio veciña de Robra; Idoia Costa, artesá e creadora téxtil de Cela; Chelo Gayoso, labradora e escritora de San Martín de Guillar; Vanessa Martínez, propietaria dun salón de peiteado en Lugo, de Robra; Marisa Núñez, xubilada e tesoureira da Asociación Mujeres Rurais de Santa Isabel; Pura Vilanova, camioneira de Candai e Isabel Zapata, tanactopractora de Silvarrei.

Concentración en Guitiriz con manifesto e elaboración de pancartas.

O Concello de Guitiriz conmemorou o 8M, Día Internacional da Muller, cunha concentración no Campo da Feira, onde se leu un manifesto en favor da igualdade. Antes, as persoas participantes percorreron as rúas de Guitiriz detrás dunha pancarta co lema da campaña municipal: Nin ela, nin el. NÓS somos feminismo.

Antes da concentración as persoas que acudiron ao Campo da Feira puideron participar nun entretido obradoiro de pancartas.

Ademais, a fachada da casa do concello tinguiuse de morado.