Skip to main content
Deportes AMARIÑAXADeportes LUGOXADeportes TERRACHÁXA

Begonte acolleu o I aberto do Castiñeiro de Billarda

Por 22 Marzo, 2022Sin comentarios

A incursión billardeira no Festival 27373 de música en galego, que anualmente se celebra no Club Fluvial de Begonte, foi o xerme que fixo agromar un novo equipo de billarda.

A Asociación cultural Castiñeiro Milenario presentou un equipo mixto que debutou oficialmente na tempada 2019-2020 (tempada que por mor da pandemia houbo que dar por rematada a falta de catro xornadas) e agora nunha nova tempada da liga regular, foron os anfitrións do I aberto do Castiñeiro.

Xuntáronse en total setenta e unha persoas de tódalas idades (catro cativos, trece donas e cincoenta e catro homes) que deron o mellor de sí nunha fermosa e apacible mañá dominical no campo de fútebol de Pacios que foi o lugar elexido para este primeiro aberto.

Aló vai xa máis de media tempada e semella que non hai un claro dominador. Os que comandan a clasificación están nun sube e baixa continuo. Xornada a xornada os dez ou doce primeiros intercámbianse os postos. Sirva como mostra que foron cinco xogadores distintos os que nas sete xornadas que van disputadas se turnaron no alto da clasificación e todos teñen opcións de acadar o campionato.

As puntuacións da fin de semana, agás honrosas excepcións foron cativeiras polo xeral. O gañador do aberto foi Daniel (Billardeiros Musicais) con 23 puntos, segundo Regueiro (Troitas Bravas) con 22 puntos e terceiro Basilio con 21 puntos.

A categoría de donas, segue dominada polas tres mosqueteiras do NorLeste.  Aroa, Irea e Geni, que se veñen alternando nas victorias das xornadas. Esta vez tocoulle gañar a Irea por diante das outras dúas.

En infantis, os cativos de Madia Leva, Diego-Mateu, Mateu-Diego, (que tanto monta, monta tanto), xunto con Aroa, son os que arrincan os maiores aplausos dos xeareiros, día a día nos sorprenden co seu dominio do xogo.

Por equipos dominaron Troitas Bravas, segundos Billardeiros Musicais e terceiros Carabullo, que maila todo siguen como primeiros.

É de destacar e de agradecer o traballo da Asociación Castiñeiro Milenario para organizar este aberto e polos agasallos que o remate do aberto entregaron os gañadores.

As clasificacións logo da sétima xornada quedan asi:

Individual:  

  • Regueiro (Troitas Bravas) 130 p.
  • Basilio   (Billardeiros Musicais) 129 p.
  • Daniel (Billardeiros Musicais) 128 p.

Donas:

  • Aroa (Billardeiros Musicais)  94 p.
  • Irea (Carabullo)  79 p.
  • Geni (Billardeiros Musicais)  62 p.

Equipos:

  • Carabullo (Ponte de Outeiro) 537 p.
  • Troitas Bravas (A Pontenova) 534 p.
  • Billardeiros Musicais (Ribadeo) 528 p.