Skip to main content
Deportes TERRACHÁXAVilalba

A Deputación impulsa o deporte coa Ruta BTT Terra Chá Queixo San Simón da Costa

Por 28 Marzo, 2022Xuño 21st, 2022Sin comentarios

A institución provincial achega 3.000€ para a organización desta ruta que contará con 250 participantes e comeza e remata na Praza da Constitución de Vilalba, onde se celebra a Feira do Queixo.

A Deputación de Lugo colabora coa VI Ruta BTT Terra Chá Queixo San Simón da Costa que se celebra o vindeiro sábado, 2 de abril, entre os concellos de Muras, Xermade e Vilalba. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou na presentación desta cita que este ano contará con 250 participantes nas tres modalidades: larga, media e corta distancia. 

García Porto felicitou aos organizadores pola “capacidade de atraer á xente xa que en practicamente 24 horas esgotastes as prazas previstas. Isto fainos ver que estamos ante unha ruta cicloturista xa consolidada e que xera un gran interese entre a sociedade, e xa non só da nosa provincia, senón tamén doutras provincias galegas que se achegan ata aquí para desfrutar da bicicleta e das nosas paisaxes”.

“Colaboramos coa organización desta cita cunha achega de 3.000€ porque queremos que os veciños e veciñas da provincia teñan alternativas de lecer, sobre todo do mundo da bicicleta que ten tantos afeccionados”, explicou a Deputada.  A proba deportiva comeza e remata, como novidade, na praza da Constitución de Vilalba, coincidindo coa celebración  da Feira do Queixo de San Simón.

A institución provincial aposta por un turismo de calidade, non masificado, sostible, de experiencias, na natureza, que pon en valor o patrimonio, un modelo que se viu revalidado coa pandemia, nun momento no que se desaconsella a masificación de persoas e as aglomeracións.

No acto de presentación tamén participaron  a Alcadesa de Vilalba, Elba Veleiro; o Alcalde de Xermade, Roberto García; o Alcalde de Muras, Manuel Requeixo; o Concelleiro de Deportes vilalbés, Xosé Teixeiro Pérez; e o organizador da proba, Álex Ramudo; e outras autoridades.

A PROBA DEPORTIVA

A ruta dará comezo ás 9:00 horas con saída e chegada na praza da Constitución da capital chairega. Poderán participar todos os ciclistas maiores de 15 anos que teñan unha licencia federativa en vigor. A ruta máis longa percorre ao longo de 61 quilómetros os tres concellos, con 1.300 metros de desnivel positivo. Por outra banda, está a ruta de media distancia, de 54 quilómetros e 950 metros de desnivel positivo e, por último, unha proba máis sinxela de 35 quilómetros e 600 metros de desnivel positivo.