Skip to main content
Abadín

Abadín: Ruta dos Muíños

Por 1 Marzo, 2022Marzo 2nd, 2022Sin comentarios

Este roteiro, que transcorre por unha fraga, percorre as vellas edificacións do rego de Rodeiro e pasa xunto ao río Anllo.

Entre as abundantes actividades de lecer pódese facer sendeirismo polos múltiples carreiros e camiños do municipio no que tamén pasa a ruta da costa do Camiño de Santiago. Nesta ocasión falaremos da ruta dos Muíños que é a ruta máis curta da rede de sendeiros da Terra Chá con só 5,7 km que transcorren polo interior dunha fraga, unindo no seu percorrido cinco muíños de auga construídos ao longo do río da Fraga.

Ten un trazado lineal que comeza no Lugar da Laxe, xunto ao muíño fabril e restaurado de Corvite que data de inicios do século XX. A carón do muíño atópase o inicio do sendeiro.

O roteiro comeza nas antigas escolas de Corvite onde se poden contemplar as fermosas edificacións destas escolas e a Casa do Mestre, hoxe en relativo abandono. O camiño segue paralelo á canle do río Anllo cuberto por un bosque de ribeira. Logo cruza a estrada e discorre por un antigo camiño de carros que daba servizo á intensa actividade que se desenvolveu neste pequeno río.

O primeiro que se atopa é o muíño chamado do Mazo na Vesada, a medida que un se adentra no espléndido souto poderanse ver outro muíños como o de Trasón, da Fraga e Pequeno Escaravello en Foxacos, todos eles emprazados en lugares estratéxicos para o aproveitamento da forza da auga.

Na última parte debe abandonarse a conca do río para chegar ata o final do sendeiro.

Dende aquí parte unha derivación que achegará aos sendeiristas ao muíño de Cabo da Vila que aínda conserva no seu interior todos os mecanismos de funcionamento.

Ollo, porque ás veces os corzos cruzarán as fragas e acompañarán aos sendeiristas neste breve camiño que está incluído na interesante Rede de Sendeiros da Terra Chá, tamén hai que ter ollo coa climatoloxía pois durante a época de chuvia o terreo estará anegado e pódese esvarar con bastante facilidade.