Skip to main content
Begonte

O PP denuncia o “abandono” das estradas provinciais en Begonte

Por 25 Marzo, 2022Sin comentarios

“Os gobernos da Deputación presididos polo popular Francisco Cacharro abriron moitas das estradas de Lugo e mantiveron toda a rede provincial nas debidas condicións. O actual goberno, presidido polo socialista José Tomé, que asume directamente a responsabilidade de Vías e Obras, é incapaz de manter en bo estado as estradas, como se pode comprobar de norte a sur e de leste a oeste en toda a provincia. As queixas dos veciños son xeralizadas”, explica a o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, que engade que o PP acudiu á chamada dos veciños da parroquia de Santalla no Concello de Begonte, acompañado do alcalde, José Ulla, e varios veciños para comprobar o malísimo estado no que se atopa a LU-P 2303, así como outras estradas provinciais que atravesan o concello de Begonte e que están moi deterioradas”.

“O estado das estradas neste municipio pon de manifesto a incontrovertible realidade de que Begonte é un concello absolutamente abandonado pola Deputación de Lugo, polo delegado de Vías e Obra, o señor Tomé”. Castiñeira, unha vez máis, pon de relevo que Tomé “acostuma a cortar cintas nas escasas inauguracións de obras, das escasas obras que fai a Deputación dende que el é presidente, pero non se lle ve pisando o terreo e coñecendo onde están os verdadeiros problemas, como é o caso desta parroquia de Begonte”.

O portavoz popular di que “os veciños están fartos de danar os seus vehículos, están cansos de sortear fochancas e de ter que invadir en ocasións o carril contrario, segundo nos explicaron”. Destaca que “ata tal punto é grave o problema, que os veciños xa o toman con certo ton de humor, e así algúns din que probablemente terán que comprar un cabalo ou un tractor para transitar por estas estradas provinciais”.

O portavoz popular faise eco do enfado dos veciños pola falta de calidade das reparacións levadas a cabo nesta vía: “Non queremos malos arranxos, porque algúns non serven absolutamente para nada; esta estrada necesita unha reparación integral. Por iso imos presentar un rogo no próximo pleno, para que o goberno da Deputación atenda as demandas dos veciños de Santalla, de Begonte e amañe canto antes esta estrada, a LU-P 2303 e outras máis do Concello de Begonte, que está abandonado polo delegado de Vías e Obras, o señor Tomé”.

Durante a visita, o alcalde, José Ulla, afeou ao presidente da Deputación, José Tomé, que non o reciba para tratar, entre outras cuestións do estado da rede de estradas provinciais. Indicou que nunha ocasión, en vez de polo presidente, foi recibido pola deputada Pilar García Porto. En canto a reparación das vías provinciais no seu municipio, Ulla di que e urxente acometela e que se leve a cabo coa debida calidade, preferentemente en aglomerado en quente, que é o pavimento que utiliza o concello nas súas estradas. Ulla destacou que sen estradas en debidas condicións mal se pode loitar contra o despoboamento da zona rural. Criticou que o goberno provincial opere practicamente en exclusiva nos concellos gobernados por PSOE e BNG e de maneira moi especial en Monforte, onde é alcalde José Tomé.