Skip to main content
Cospeito

A Deputación destinará 33.000 euros á Moexmu

Por 16 Marzo, 2022Sin comentarios

O presidente recibiu este martes no Pazo de San Marcos aos organizadores desta cita multisectorial, prevista para os días 1, 2 e 3 de abril, e que resulta “moi importante para impulsar o tecido social e económico de toda a comarca e da provincia”.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu este martes no Pazo de San Marcos a representantes da Asociación de Comerciantes Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta, aos que ratificou o compromiso da institución provincial de colaborar con achegas económicas que ascenden a un total de 33.000€ para a celebración da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), un encontro que volve tras dous anos de parón pola pandemia. Así mesmo, a Deputación doará dúas xatas da Granxa Gayoso Castro para a súa poxa nesta cita.

A feira multisectorial, que conta cunha importante presenza de gando, maquinaria agrícola e gandeira e artesanía celebrarase os vindeiros días 1, 2 e 3 de abril no recinto feiral Manuel Vila López de Muimenta. O programa para o 2022 conta con concurso, exposición e poxa de gando frisón e rubio galego, sendo o único concurso de gando frisón que queda na comunidade autónoma. Este ano a Moexmu tamén acollerá o Concurso Autonómico de Raza Frisona de Galicia, Fefriga 2022 na que participarán explotacións de toda Galicia. Está previsto que nesta edición participen más de 200 animais dunhas 30 explotacións das provincias de Lugo, Pontevedra e A Coruña.

José Tomé Roca destacou que a Deputación colabora con esta iniciativa, que leva dous anos sen poder celebrarse debido á pandemia, “porque é moi importante para o impulso do tecido social e económico de toda a comarca vinculado ao sector primario, no que a provincia de Lugo é unha auténtica potencia”. “Moexmu axuda a poñer en valor o traballo dos gandeiros e das gandeiras e tamén dos artesáns da comarca, contribuíndo ao desenvolvemento social e económico de Muimenta, da Terra Chá e da provincia”, sinalou o Presidente.