Skip to main content
Cospeito

Presentan a 38 edición da Moexmu

Por 25 Marzo, 2022Marzo 27th, 2022Sin comentarios

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou hoxe no Pazo de San Marcos a programación da 38 edición da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), que se celebrará os días 1, 2 e 3 de abril no recinto feiral Manuel Vila. No acto participou o Alcalde de Cospeito, Armando Castosa, e representantes da comisión organizadora, que asume a Asociación de Comerciantes Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta. En concreto, asistiron o presidente da Moexmu, José Darriba Hermida; o coordinador da mostra, José Manuel Rus, e o presidente de Africor e Fefriga, Manuel Sandamil Cabana.

García Porto puxo en valor a recuperación deste encontro despois de dous anos de parón debido á pandemia e felicitou por elo á organización, ademais de trasladarlle “o recoñecemento e o apoio” da institución provincial polo seu traballo e polo programa que prepararon.

A Deputada subliñou que este respaldo tradúcese “en medidas concretas”. Así, neste ano 2022 “incrementamos a colaboración económica que xa dende hai anos mantemos coa Moexmu ata máis que triplicala, chegando desta forma aos 33.000€ entre distintas axudas, que se suman á doazón de dúas xatas da Granxa Gayoso Castro” para o certame, explicou García Porto, quen enmarcou este apoio “no compromiso firme” da institución provincial coa Mostra Exposición de Muimenta, “para que puidera recuperarse con forza”, pero tamén, engadiu, “é o reflexo de que todo o que ten que ver co noso rural e co noso sector primario é un eixo de traballo estratéxico, prioritario, para a Deputación de Lugo”.

Neste sentido, a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo mostrouse convencida de que as actividades relacionadas co impulso do sector primario, como é a MOEXMU, son fundamentais para apoiar a economía da nosa provincia, tanto polo retorno económico que ten de maneira inmediata a súa celebración en actividades como as do comercio e a hostalería e a propia actividade agrogandeira, como pola promoción e a proxección que fai, e que ten impacto tanto a medio, como a longo prazo”.

Así mesmo, García Porto destacou que “un sector primario forte, competitivo, de valor engadido e diversificado, é un dos elementos claves do futuro do noso rural e do conxunto da nosa provincia”.

A Deputada dixo confiar en que a MOEXMU atraerá “a milleiros de persoas e servirá para seguir consolidando unha cita que xa é todo un referente no sector agrogandeiro do noso país”.

208 cabezas de gando estarán en Muimenta no concurso Fefriga 2022, dentro da Moexmu.

A feira multisectorial, que conta cunha importante presenza de gando, maquinaria agrícola e gandeira e artesanía celebrarase os vindeiros días 1, 2 e 3 de abril no recinto feiral Manuel Vila López de Muimenta.

O programa foi elaborado para a XXXVIII edición da Mostra Exposición de Muimenta, o XXXVI Concurso de Gando Frisón, a XXXVI Exposición de Gando de Raza Rubia Galega e a XXVI Poxa de Gando Selecto. A maiores, o Recinto Feiral Manuel Vila López acollerá este ano o XXX Concurso Autonómico de Raza Frisona Fefriga 2022.

Igualmente, a comisión organizadora da Moexmu consolida o seu programa de actividades para o domingo 3 de abril, a partires das 16:30 horas co IV Campionato de raza Can de Palleiro, no propio Recinto Feiral Manuel Vila López de Muimenta.

Dito concurso está reservado para os cans da mencionada raza, inscritos no Libro de Oríxenes da Xunta de Galicia e maiores de tres meses. O mesmo é puntuable para o XVI Monográfico de raza Can de Palleiro 2022.

Está previsto que nesta edición participen más de 200 animais dunhas 28 explotacións das provincias de Lugo, Pontevedra e A Coruña. Está valorado no seu conxunto en 484.5000 euros.

O PREGÓN

O pregón estará a cargo do xornalista Antón Losada, que é habitual colaborador da Cadena Ser, e doutros medios de comunicación a nivel estatal, como El Diario, La Opinión o El Periódico de Catalunya. Tamén foi director de Radio Voz en Madrid, a mediados da década dos 90.

Estaba previsto que xa o fora no ano 2.020, edición suspendida pola covid-19, e o xornalista mantivo o seu compromiso coa Moexmu de Muimenta.

Doutor en Dereito pola USC é profesor titutar de Ciencia Política no departamento de Socioloxía e Ciencia Política desa Universidade dende 1998. Tamén ten un Máster en xestión pública pola Universidade de Barcelona.

Ten varios libros publicados, como La política del mar: políticas públicas y autonomía. El caso de la pesca gallegaPiratas de lo públicoCódigo Mariano o Los ricos vamos ganando.

ACTIVIDADES PARALELAS

Nesta edición permanecerá aberto o Museo da Zoca e da Escola Vella (ubicados no campo da Igrexa Vella) por parte da directiva de Xotramu en horario de tarde, de 17.30 a 19.00 horas, o sabado e o domingo tamén de mañá de 12 a 13 horas. A entrada sera gratuíta.

Nas oficinas da Moexmu haberá unha exposición de traxe tradicional, así como pedzas de cantería, a través do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación.

O venres pola tarde, entre as 15.30 e as 18.00 horas terá lugar no salón de actos do centro sociocultural de Muimenta unhas xornadas técnicas para gandeiros, organizadas por Severiano Agrocomercial.

O venres será o día dedicado á veciñanza con entrada de balde.  O sábado e o domingo a entrada será de 3 euros para os maiores de 12 anos.

O RECINTO

O Concello de Cospeito, xunto á comisión organizadora, realizou obras de acondicionamento do recinto feiral Manuel Vila López, realizando melloras nas naves destinadas tanto á ubicación do gando como ao concurso de gando.

Hai máis de 25.000 metros cadrados de exposición, dos cales, casi 15.000 será ocupadospor maquinaria nova e sudad, coches e motos. Para que o recinto non quede pequeno ampliouse con parte da pista que rodea o recinto feiral.

Tamén como en anos anteriores haberá stands ocupados por artesanía popular galega, produtos galegos de calidade, úteis gandeiros, etc, ata un total de 100 expositores.

No espazo cuberto do recinto feiral ubicaranse parte dos expositores que antes tiñan o seu stand no poliderpotivo, onde se consolida o espazo dedicado ao gando frisón.

XUNTA DE GALICIA

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu onte a presentación tamén Moexmu nun acto coa participación do delegado territorial, Javier Arias; o alcalde de Cospeito, Armando Castosa; Pepe Darriba e José Manuel Rus, presidente e coordinador da comisión organizadora do certame, respectivamente.

Arias destacou o apoio da Xunta á feira, coa que colabora economicamente e entregando trofeos para os concursos. Neste sentido, celebrou que poida recuperarse o concurso de gando frisón, que é unha das citas máis importantes da Moexmu e que este ano pasará a ser un referente en Galicia, xa que terá lugar o Concurso Autonómico de Raza Frisona Fefriga 2022 en colaboración coa Federación Frisona Galega; participarán un total de 208 animais de 28 explotacións das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra.