Skip to main content
Cospeito

O Pleno de Cospeito acolle dous rogos do BNG e responde ao PSOE

Por 29 Marzo, 2022Sin comentarios

As preguntas do PSOE e os rogos do BNG volveron centrar o pleno celebrado en Cospeito esta semana e no que se aprobou a suba do 2% nos salarios dos traballadores municipais.

O Bloque Nacionalista Galego en Cospeito propuxo a rehabilitación das edificacións de titularidade municipal para dedicalas ao alugueiro social.

Esta proposta foi presentada no pleno municipal, no que tamén se esixiu ao goberno municipal a que acceda a todas aquelas subvencións que existen para desenvolver esta actuación.

Yolanda García sinalou que esta medida pon freo ao despoboamento “desde as institucións temos que pór mecanismos e facilidades para aquelas persoas que o precisan, e ademais de ser unha maneira para frear o despoboamento nun concello do rural”. A medida foi aceptada polo pleno municipal.

O BNG tamén presentou ante o pleno novas actuacións en materia de infraestruturas, como a instalación de puntos de recarga públicos para vehículos eléctricos. A concelleira suxeriu como localizacións para estes puntos, Feira do Monte e Muimenta. Esta medida foi aprobada polo pleno municipal.

Non foi aprobada a moción que levou de novo sobre a bonificación na instalación de paneis solares.

PSOE

Tampouco foi aprobada a moción do PSOE na que se pedía que o Concello acorde subvencionar a aquelas empresas que teñen problemas de acceso a internet cunha rebaixa na tarifa do 20% ou o 50% en función da renda.

Así mesmo, o PSOE volveu recuperar moitas das preguntas que leva facendo nas últimas sesións. Así quixo saber de novo se o Concello recibiu algunha queixa por porte dos traballadores e traballadoras do SAF pero este asegurou que non as recibiu.

O PSOE reclamou unha vez máis información sobre o cambio de empresa para a redacción do PXOM xa que “leva parada dende hai meses”. A concelleira socialista afirmou que levan máis de medio ano esperando a convocatoria da comisión de urbanismo e “hai alegacións presentadas por veciños que non sabemos se lles van dar resposta. É unha cuesitón preocupante”.

O alcalde afirmou a preguntas da oposición que está previsto o amaño das pistas en Muimenta, “que xa están metidas nun plan”. Mentres tanto, o Concello está a facer unha beirarrúa preto da zona onde se vai celebrar a Moexmu. “Esperemos que esta vez sexa certo porque di que están nun plan pero levamo anos así”, di Morán.

Tamén sobre vías o rexedor avanzou que arreglarán en breve tamén as duas que quedaron pendentes cando se asfaltou a entrada a Momán, a da igrexa e a da ponte do Mercador.

Tamén segue sen facerse o prometido arranxo da consulta do soto do centro de saúde de Feira do Monte. “Primeiro a Consellería ía remodelar o soto todo e facer unha obra importante, como a cousa se dilataba propuxemos un lavado de cara e agora a resposta do alcalde é que diso tamén se vai ocupar a Consellería, “pero seguimos á espera, a situación non se amaña e esto parece tercermundista”.

O alcalde tamén explicou a preguntas dos socialistas que se está a negociar cos dous propietarios da Torre de Caldaloba e que a Consellería está implicada neste proceso.

Así mesmo, pediron explicacións sobre unha factura de plantas por valor de 1.200 euros e sobre o acollemento de refuxiados ucranianos, sobre o que o concello asegurou que aínda non veu ningún.