Skip to main content
Folgoso do CourelFriolFriol TERRACHÁXA

Reforzan o equipamento dos GES de Friol e de Folgoso do Courel

Por 7 Marzo, 2022Sin comentarios

A Xunta reforzará o equipamento de emerxencias dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) coa entrega a 10 destes grupos ao longo deste mes de distintos vehículos – 3 furgonetas 4×4, 2 vehículos tipo autobomba rural lixeira (BUL) e 4 camións Bomba Rural Pesada (BRP) para mellorar a eficacia nas súas intervencións e que suporán un investimento de máis de 1,3 millóns de euros.

Por unha banda, o GES de Santiago-Noia-A Barcala con sede no concello coruñés de Brión; o de O Ribeiro que atende a subzona de Avión; e o de Folgoso do Courel, que dá cobertura a área de Quiroga e Terra de Lemos recibirán cadansúa furgoneta 4×4 dotada con 500 litros de auga e completamente equipadas. O investimento nestes tres vehículos acada os 270.000 euros.

Pola súa banda, os GES da Terra Chá-Lugo con sede en Friol e o de Ulla-Umia con base en Moraña contarán cun vehículo tipo autobomba rural lixeira (BUL) en cada caso cunha capacidade de 1.350 litros de auga. A Xunta destinou 300.000 euros á adquisición destes 2 vehículos adecuados para primeira intervención en caso de incendio ou noutras actuacións de salvamento e, adaptados polas súas características e tamaño, a aqueles núcleos con vías máis estreitas e de difícil acceso.

Por último, nas próximas semanas a Xunta tamén fará entrega de 4 camións tipo Bomba Rural Pesada (BRP) nos que investiu 792.000 euros. Os destinatarios destes vehículos serán o GES de Muros, o de Ortigueira que cubre a área de Ortegal e Ferrol, xunto co grupo que atende a Mancomunidade do Val Miñor e o servizo municipal de emerxencias de Ponteareas. Estes vehículos, contan con tracción integral 4×4 e cunha cisterna de auga de capacidade de 3.500 litros litros de auga para intervir na extinción dos lumes contribuíndo a reducir a afectación na zona. Ademais, permiten o acceso a todo tipo de zonas, desde terreos urbanos, a estradas secundarias en áreas rurais e pistas forestais ou camiños.

Cómpre lembrar que a Xunta, no marco da Comisión de Seguimento dos GES -da que forman parte coas deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP)- aborda a mellora da cobertura das emerxencias na comunidade.

“Este ano, debido á decisión das Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra de rexeitar as melloras propostas pola Xunta, nestas 3 provincias manteranse as condicións actuais e na de Ourense aplicaranse nos seus 12 GES as melloras plantexadas en canto á cobertura das emerxencias en Galicia, que repercutirán tanto nas condicións laborais e económicas dos GES existentes como no incremento dos cadros de persoal dos servicios de emerxencias que non contaban con 12 efectivos”, indican dende a Xunta.